Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Servizo de Orientación para o Emprego xestionou no primeiro trimestre do ano 50 ofertas de emprego

15/04/2021

Cinco persoas das 50 inscritas na Bolsa de Emprego Municipal incorporáronse ao mercado laboral

O Servizo de Orientación para o Emprego xestionou no primeiro trimestre deste ano 50 ofertas de emprego, ao tempo que no servizo de intermediación contactaron con preto de 30 empresas. Outra das actividades desenvolvidas foi a impartición de obradoiros orientados a mellorar a busca de emprego.

Este servizo de orientación, situado no Centro Municipal de Formación en Guillarei, préstase previa cita. Nunha entrevista inicial realizan unha diagnose da situación persoal e profesional da persoa que acode, para orientala ben cara á Bolsa de Emprego Municipal ou cara outros recursos.  Precisamente nos tres primeiros meses do ano 50 persoas en busca activa de emprego se incorporaron a esta bolsa. Deste total 5 persoas accederon neste trimestre ao mercado laboral. 

A concelleira de Formación e Emprego do Concello de Tui explicaba que “nestes momentos tan difíciles para o emprego o goberno municipal propúxose diminuír a taxa de desemprego do municipio”. En marzo produciuse un descenso no número de desempregados en Tui de 8 persoas con respecto ao mes de febreiro, situándose en 1.301 persoas das que  791 son mulleres e 510 son homes. 

Dende o departamento de Formación neste trimestre – até o mes de xuño – teñen previsto impartir novos obradoiros dirixidos a persoas desempregadas empadroadas no municipio. En concreto serán Taller “Obxectivo profesional”; Taller “O Curriculum Vitae”; Taller “A entrevista de Traballo”  e Taller de “Ferramentas dixitais para a busca de Emprego”.

As persoas interesadas nestes obradoiros, en formar parte da bolsa de emprego municipal ou en solicitar cita para o servizo de orientación poden contactar co teléfono 986 60 32 28 ou co correo orientación@tui.gal.