Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O sábado obradoiro de música e contos para nenos de 4 a 8 anos na Biblioteca Municipal

20/01/2011

A Biblioteca Municipal acolle este sábado un obradoiro de xogos e música para nenos

Xoves, 20 de xaneiro de 2011. A Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle este sábado, 22 de xaneiro, ás 12,00 horas un obradoiro denominado "Cantamúsica" que forma parte do programa de dinamización lingüística "Bocaberta" que promove a Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

 

Este obradoiro de canto, música e xogos en lingua galega vai dirixido a nenos e nenas cunha idade comprendida entre os 4 e os 8 anos. Ten como finalidade a aprendizaxe de cancións infantís e xogos relacionados con estas cancións e coa fala (como adiviñas, trabalinguas ou rimas), así como algunha melodía cantada acompañada dos ritmos básicos da nosa cultura musical, acompañada de pandeiretas, cunchas, castañolas, outras percusións menores e guitarra, acordeón ou clarinete.Segundo vaia avanzando o obradoiro chegarase tamén até a música máis actual, onde cantaran algunha das cancións do libro-disco de Pablo Díaz, "TIC TAC".

 

Os obradoiros serán impartidos por Pablo Díaz e Olga Kirk, dúas persoas cunha prolongada traxectoria no eido da música tradicional galega e o ensino da mesma. Empregando percusións como pandeiretas, castañolas ou cunchas para facer uns ritmos básicos, os nenos e nenas poderán achegarse á lingua galega a través da música, das adiviñas, dos trabalinguas e das rimas.

 

Bocaberta é un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará a todos os concellos de Galicia, ata o próximo mes de maio, un total de 747 actividades, destinadas a fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas entre 3 e 18 anos. A música pop, a maxia, a banda deseñada, os obradoiros de escrita e de oralidade ou as novas tecnoloxías centran as actividades de Bocaberta.

 

Con esta nova actividade a Biblioteca Municipal tudense abre a súa programación de actividades para este novo ano 2011, logo que o Ministerio de Cultura veña de recoñecer recentemente a calidade do seu programa coa concesión dun dos Premios María Moliner de dinamización bibliotecaria.