Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O sábado foi disputado o torneo de fútbol 7 alevín "125 anos da Ponte Internacional"

21/03/2011

 

TORNEO DE FÚTBOL 7 ALEVÍN EN VALENÇA DO MINHO

 

 

O pasado sábado celebrouse o Torneo de Fútbol 7 Alevín co gallo dos actos conmemorativos do 125º Aniversario da Ponte Internacional. Este torneo disputouse no Estadio Dr. Lorenço Raimundo de Valença do Minho.

 

Mais de 100 deportistas de Tui e Valença gozaron dunha soleada tarde, acompañados nas bancadas por un gran número de afeccionados a pesar de ser un día festivo en Tui.

 

O acto inaugural comezou ás 15.45 horas coa intervención do Vareador de Cultura da Cámara Municipal de Valença do Minho, José Montes e do Concelleiro de Cultura de Tui, Moisés Rodríguez. Ambos agradeceron a todos os presentes a participación nos actos do 125º aniversario e desexaron que gozasen dunha boa tarde deportiva.

 

Tras estas palabras realizouse a presentación de cada un dos equipos, o C.D. Ribadelouro e as tres formacións do Tyde C.F. por parte da representación do Concello de Tui e o Valenciano, Fontourense, Friestense e Real Utopía por Valença do Minho. Coa entrega de medallas a cada deportista e do recordo do torneo a cada un dos equipos participantes deu por finalizado a cerimonia e marcou o inicio dos encontros.

 

Ao finalizar a primeira fase na que se enfrontaron os equipos en dous grupos de catro, disputáronse os partidos de semifinais, enfrontándose o Valenciano contra o Tyde C.F. 3 e o C.D. Ribadelouro contra o Tyde C.F. 1. Para a final clasificáronse os equipos do Tyde C.F. 1 e Valenciano, xogando o partido para terceiro e carto posto os equipos do CD Ribadelouro e o Tyde C.F. 3. A clasificación final do torneo foi Tyde C.F. 1, Valenciano, CD Ribadelouro e Tyde C.F. 3.

 

Dende a Cámara Municipal de Valença do Minho e o Concello de Tui quérese agradecer a todos os equipos participantes e a todos os afeccionados que os acompañaron a súa presenza neste torneo, así como ao Club Valenciano pola súa colaboración na organización do evento.