Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O próximo mércores inaugúrase a exposición “O río que nos move” en Tui

26/08/2026

Recolle a gran aventura de cinco mozos do Baixo Miño que en 1985 quixeron descubrir o Miño e descenderon os seus 317 km en canoas feitas por eles mesmos

Esta exposición de fotografías da viaxe ábrese cun coloquio cos protagonistas e con grandes coñecedores do tramo transfronteirizo

O vindeiro mércores, 2 de setembro ás 19.00 horas, a Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle o acto de inauguración da exposición “O río que nos move”. Na mesma recóllense 99 fotografías tomadas en 1985 por cinco mozos do Baixo Miño que, con idades entre os  21 e os 23 anos, decidiron descender o Miño na súa totalidade, sen ningún equipo de apoio e en canoas construídas por eles mesmos; algo que ninguén fixera antes.

Corenta anos despois, aquela fermosa aventura regresa convertida en exposición - O río que nos move. En canoa polos 317 km do Pai Miño- (www.orioquenosmove.gal) e en reflexión colectiva sobre o estado do Miño, o seu valor natural, cultural e como símbolo de identidade para dous pobos irmáns, Galicia e Portugal, que deben afondar no coñecemento mutuo e seguir estreitando lazos.

Este proxecto expositivo é a primeira gran mostra sobre o noso río. Con ela recuperase a memoria daquela iniciativa única para axudar na concienciación medioambiental cara un ben común que precisa de coidado e protección e para que todos poidamos gozar do mesmo. Agora, no tempo dos camiños e camiñantes, a do Pai Miño é a gran ruta por descubrir coa que os cinco protagonistas – Carlos Carrera, Xurxo Estévez, Juanjo Otero, Santos González e Rafa Cid-  adquiriron un compromiso de defensa e divulgación.

A mostra intégrana fotografías do descenso, da autoría de Carlos Carrera, que están acompañadas musicalmente por unha peza orixinal –Discorrer- que inclúe fragmentos do Arquivo Sonoro do Río Miño, depositado no Consello da Cultura Galega, e outra creación igualmente orixinal, Minius.

A exposición lembra a travesía que segue o curso do río desde a súa orixe ata o remate, convertendo cada parada nun capítulo distinto dunha mesma narración colectiva. En Tui o foco estará na condición fronteiriza do Miño, cun coloquio no que participarán os alcaldes de Tui e Valença e Tui, Enrique Cabaleiro e José Manuel Carpinteira; o máximo responsable da Comandancia Naval, Víctor García Pozuelo; o historiador Rafael Sánchez Bargiela e Enrique Míguez, piragüista medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Los Angeles 1984. 

O coloquio celebrarase o día da apertura, o mércores 2 de setembro ás 19.00 h, na Sala Municipal de Exposicións, no Edificio “Francisco Sánchez”, onde quedará exposta unha das canoas do descenso  -recuperada dunha palleira e restaurada para a ocasión-, con chalecos e remos. A exposición estará en Tui ata o 23 de setembro.

Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, esta exposición conmemora os corenta anos desa aventura ofrecendo unha oportunidade para reflexionar sobre o estado do río e o potencial inmenso que nos ofrece. No tempo dos camiños e camiñantes, a do pai Miño é a gran ruta por descubrir, recuperando o Miño como fío condutor da nosa historia, da nosa paisaxe e da nosa identidade colectiva.

Relato daquela aventura do 1985

Na ribeira galega con vistas á desembocadura, uns rapaces do Rosal –de entre 21 e 23 anos- fantasiamos, hai máis de catro décadas, como sería o nacemento daquel impoñente curso de auga, e fixémonos unha pregunta -por que non imos ver onde nace?-, que acabou empurrando a historia. Puxémonos mans á obra e decidimos fabricar dúas canoas para unha aventura que había superar as nosas expectativas. Primeiro localizamos en Madrid un plano de construción nunha libraría especializada e a continuación, para poder interpretalo, fixemos consultas en estaleiros de embarcacións de madeira.

Logo de meses de preparativos, o 20 de xuño de 1985 iniciamos no Pedregal de Irimia (Meira, Lugo) a baixada do gran río, a primeira completa e probablemente aínda a única, debido ás dificultades –sobre todo superar os cinco encoros- e ata perigos nos rápidos de Melgaço-Arbo. Neste territorio fronteirizo fomos de continuo zarandeados pola forza da auga, con remuíños e cambios de dirección favorecidos pola presenza das pesqueiras. En minutos pasabamos de Galicia a Portugal, e de volta a Galicia. Todos acabamos despedidos a favor das correntes cruzadas, algún con problemas para subir á superficie e cunha canoa rota ao chocar contra un penedo no medio do río. Tras dez días de navegación completamos os 317 km ata a desembocadura entre Caminha e A Guarda.

Para recuperar a travesía de 1985 e traela ao presente con fin de divulgar a riqueza e posibilidades do Pai Miño, constituímos unha asociación cultural –A.C.40 anos do descenso do Miño- coa que traballar en colaboración con institucións e patrocinadores –Xunta de Galicia, Deputacións de Lugo, Ourense e Pontevedra, concellos, Naturgy, Polirros e Rodrigo Carrera Asociados-. O seu apoio fai posible este proxecto expositivo, ao que queremos dar continuidade coa solicitude á Xunta de Galicia de que declare o río Miño como “Itinerario Cultural Autonómico” e coa posibilidade de estendelo a Portugal. Algún concello da beira lusa xa mostrou interese nesta iniciativa de defensa dun ben común. O noso río marcou fronteira no pasado -a máis vella de Europa-, pero agora a raia estase transformando en lazo de unión ao que queremos contribuír. Máis que nunca “O Minho nâo separa, une”.