Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O próximo luns ábrese o prazo de inscricións no Campamento Urbano Multideporte de Tui

29/06/2012

A adxudicación das prazas farase mediante sorteo público o luns 9 ás 12h

 

 

O próximo luns ábrese o prazo de inscrición para o Campamento Urbano Multideporte organizado pola concellería de Deportes do Concello de Tui. A inscrición pode realizarse do luns 2 ao xoves 5 de xullo en horario de mañá nas dependencias da secretaría da Casa do Concello. Van dirixidos a nenos e nenas de 3 a 12 anos con preferencia para os empadroados en Tui.

 

Para presentar esta actividade compareceron esta mañá en rolda de prensa o concelleiro de Deporte, Nicolás Lorenzo, acompañado do concelleiro de Persoal e Formación, Jose Angel Villaverde.

 

Este campamento urbano multideporte terá este ano como fío condutor os Xogos Olímpicos, e organízase cun dobre obxectivo  que os nenos teñan unha alternativa de ocio no período estival e tamén para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

 

As principais novidades con respecto a anteriores edicións e que este ano o campamento celebrarase en dúas quincenas, a segunda de xullo e a primeira de agosto. Amplía o seu horario que será de 8 a 15h, de tal xeito que de 8 a 9 haberá unha aula de Madrugadores e de 14 a 15h terán unha aula de actividades para aqueles cuxos pais non poidan recollelos ata esa hora. Tamén se ampliou o número de prazas, pasando de 150 a 320, de tal xeito que haberá 160 por quincena. O prezo público por participar nesta actividade será de 30€ (27,78€+ IVA), por quincena segundo se aprobou recentemente en pleno.  Do total de prazas ofertadas resérvanse 40, que terán carácter gratuíto, para aqueles nenos que os Servizos Sociais consideren preciso.

 

O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, explicaba que para evitar problemas na inscrición este ano a asignación de prazas farase mediante sorteo público que se celebrará o luns 9 de xullo ás 12h na Casa do Concello ante a secretaria municipal.

 

O campamento cambia tamén a súa estrutura con respecto a anteriores edicións de xeito que todos os nenos e nenas farán distintas actividades como obradoiros de cociña, emocións, deseño de camisetas, creación de blogs, piragüismo, fútbol, piscina, actividade de orientación, etc. Será impartido por unha das tres empresas que se presentaron ao proceso de adxudicación do servizo.

 

O concelleiro Nicolás Lorenzo explicaba que a celebración desta actividade en dúas quincenas é o camiño axeitado, e agarda que o próximo ano se poida realizar nas catro quincenas dos meses de xullo e agosto.

  

A información do campamento e os documentos a entregar na inscrición poden descargarse na sección "Documentos" da parte inferior esquerda da portada da web do Concello de Tui www.concellotui.org