Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O programa municipal MULLER Tui cumpre un ano actividade prestando servizo de atención psicolóxica e xurídica a mulleres

9/10/2021

Nos últimos 12 meses deu cobertura a  90 mulleres vulnerables ou vítimas de violencia de xénero

O programa municipal de atención integral a mulleres Muller Tui vén de cumprir un ano de actividade prestando servizo  de atención psicolóxica e xurídica.

Este servizo municipal presta atención especializada a mulleres vítimas de violencia de xénero, facéndose extensivo a todas aquelas que se atopan en calquera situación de vulnerabilidade, como mulleres maiores, desempregadas, do medio rural,  con fillos/ as menores a cargo, etc. Tamén ten por obxectivo o fomento da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e a prevención e eliminación da violencia de xénero.

O Concello de Tui asumiu este ano con fondos propios a continuidade do programa Muller Tui, que se puxera en marcha en agosto de 2020 a través dunha subvención da Dirección Xeral de Igualdade. A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, explica que “a falla de recursos por parte da Xunta na convocatoria de 2021 deixou sen achega económica a moitos concellos de tamaño medio coma é o caso de Tui” polo que optaron por dar continuidade o servizo con fondos propios  “nun momento de especial necesidade de apoio das mulleres”.

Dende a posta en marcha de Muller Tui o programa deu cobertura a 90 mulleres vulnerables ou vítimas de violencia de xénero, derivadas principalmente dende os Servizos Sociais Municipais. A metade viven nas parroquias tudenses e a outra metade no centro urbano.

O servizo de atención xurídica de Muller Tui atendeu no último ano a 65 mulleres, das que 18 son estranxeiras, o 70% teñen entre 25 e 54 anos, e o 46% teñen fillo ou fillas menores a cargo. O 80% das usuarias do programa no momento de acceder ao mesmo estaban en situación de desemprego o que segundo a concelleira de Igualdade “da conta da situación de precariedade na que a maioría están, feito que incrementa a  súa  vulnerabilidade”.

O 50% das mulleres que se achegaron a este programa refiren ter vivido algunha situación de malos tratos. 19 delas presentaron denuncia por violencia de  xénero,  ben antes ou ben  despois de  seren atendidas,  e 12 das mulleres  vítimas atendidas  contan  ou contaron con  Orde de  Protección.

A través do servizo de atención xurídica realízanse;

  • Consultas persoais e individualizadas de interese para as usuarias.
  • Estudo dos seus asuntos e, no seu caso,  documentación , detección da necesidade e posibles solucións xurídicas ao caso concreto.
  • Comunicación con terceiros para facilitar recursos e alternativas ( organismos públicos e privados,  FFCC de seguridade, profesionais intervenientes, etc)
  • Redacción de escritos e documentos que a usuaria poida precisar , así como a remisión de solicitudes de Xustiza Gratuíta, de axudas e prestacións ( cando non competen aos Servizos Sociais municipais) e, en xeral, o acceso a recursos necesarios en cada caso.

 

A atención psicolóxica a mulleres  vítimas de violencia de  Xénero é derivada  ao Colexio de  Psicoloxía de Galicia e á Xunta de Galicia que ofrecen  gratuitamente á muller alternativas entre os distintos centros e  profesionais existentes  na contorna do  Concello de Tui, segundo  as posibilidades. Amais dende os Servizos Sociais Municipais en coordinación coa xurídica do programa xestiónase o servizo ATEMPRO.

Por outra parte o Servizo Municipal de Orientación Laboral asesora e orienta ás usuarias de Muller Tui na súa empregabilidade co obxectivo de que poidan acadar a independencia económica e a autonomía.

O servizo préstase, de forma presencial ou telefónica, en función das necesidades de mulleres, previa solicitude de cita nos Servizos Sociais Municipais.

A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, expón que “os servizos a disposición das mulleres son, sen dubida, o mellor xeito de aplicar os recursos das políticas de prevención e loita contra a violencia de xénero.”

Dende a concellería de Igualdade trabállase en distintas accións para dar cumprimento ao IV Plan Municipal de Igualdade.