Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui inicia a súa actividade cun centenar de persoas

1/02/2023

Vaise desenvolver até novembro e será o terceiro deste tipo co que conte Tui, garantindo como mínimo o 45% de inserción laboral

O Concello de Tui presentou hoxe o novo Programa Integrado de Emprego que permitirá mellorar a empregabilidade e formar en competencias transversais a un total de cen persoas traballadoras en situación de desemprego do municipio.

Tui é o único concello da comarca do Baixo Miño que conta con este tipo de programa, cuxo obxectivo é mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral destas cen persoas. Será, amais, o terceiro Programa Integrado de Emprego co que conte Tui cun compromiso de inserción laboral como mínimo do 45% das persoas participantes.

Ao longo deste ano, as persoas que participan neste programa de emprego contarán cunha atención personalizada para mellorar a súa empregabilidade. As actuais necesidades do mercado laboral, e as demandas concretas de perfís profesionais que existen nestes momentos, tivéronse moi presentes á hora de plantexar as máis de 1.000 horas de formación que se impartirán tanto de xeito presencial coma en liña ao longo deste programa. 

Así, impartiranse itinerarios vinculados a persoas operarias de almacén ou produción, expendedor/a de combustible, xunto a técnicas de venda, escaparatismo, paquetería no sector comercial, recepción e atención ao cliente en establecementos de aloxamento no turismo ou de limpeza industrial.  Apostarase tamén pola formación no sector de alimentación con cursos de manipulación, despece, venda e conservación de produtos frescos da pesca, cárnicos, froita e verdura, ou chacinería, entre outros.  

As persoas participantes no PIE tamén asistirán a formación transversal en novas tecnoloxías, idiomas ou igualdade, e asistirán a obradoiros de mobilidade laboral, entrevistas, busca activa de emprego, técnicas de motivación para a busca de emprego ou emprendemento. Amais, as e os participantes poderán realizar prácticas profesionais non laborais en empresas.

Por outra parte, o equipo técnico deste programa desenvolverá un traballo de orientación laboral, acompañando e asesorando ás e aos participantes na súa busca de emprego. Paralelamente contactarán coas empresas da zona, nunha labor de prospección laboral, para coñecer as súas demandas e, posteriormente, facer un traballo de intermediación laboral, emparellando as ofertas de traballo coas persoas participantes segundo os seus perfís.

O programa formativo iniciou hoxe a súa actividade coa presentación no Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui. Alí estiveron a concelleira de Emprego e Formación de Tui, Ana María Núñez, a xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia en Pontevedra, Marta Mariño, e técnicos e técnicas municipais deste departamento.

A concelleira de Emprego e Formación, Ana María Núñez, destacou na presentación o compromiso do goberno local co emprego e sinalou que estes programas son as iniciativas que maior retorno positivo deixan no municipio e na veciñanza. Quixo destacar amais que Tui sexa o único concello da comarca do Baixo Miño en contar con este plan formativo de emprego, agradecendo deste xeito a colaboración, a aposta e o investimento da Xunta de Galicia.

Pola súa banda, a xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta en Pontevedra, Marta Mariño, destacou que este tipo de programas aporta coñecementos transversais para os seleccionados e tamén incidiu en que contan co compromiso das empresas que buscan contratar persoal con este tipo de formacións. 

Este Programa Integrado de Emprego conta cun orzamento de 297.691 euros, dos que 250.000 euros serán achegados pola Xunta de Galicia a través dunha subvención da Consellería de Emprego e Igualdade e os 47.619,05 euros restantes polo Concello de Tui.