Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O presidente da Cámara de Valença destacou no seu pregón as vantaxes da Eurocidade, facendo un chamamento a continuar traballando conxuntamente

26/03/2016


A vantaxes culturais, deportivas, sociais e económicas da Eurocidade Tui-Valença son moitas, así o afirmou o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, na lectura do pregón das Festas de San Telmo 2016. Destacou que tudenses e valencianos teñen moito que gañar co reforzamento do papel da Eurocidade, ao que tempo que fixo un chamamento a traballar en conxunto e a continuar camiño. Apostou por traballar con esforzo e determinación evocando palabras tanto de Antonio Machado coma de Fernando Pessoa.


Jorge Salgueiro afirmou coma pregoeiro que Tui pode esperar da Cámara de Valença todo o empeño e dedicación para que a Eurocidade “se torne nun exemplo para os nosos países e para toda Europa”. Destacou que “queremos que a Eurocidade sexa un ben precioso para valencianos e tudenses”.


Tivo tamén no seu pregón palabras para a historia compartida das dúas cidades cunha orixe común, ás que as augas do río Miño convidaban á confraternización,.


Jorge Salgueiro Mendes foi crítico no seu pregón cunha Europa que levanta muros e barreiras, e indicaba que se San Telmo vivise nestes tempos pregaría a favor dos refuxiados, e afirmou que “unha Europa deshumanizada deixa de ser Europa”.


Pola súa parte o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, na súa intervención no acto de apertura das festa celebrado no Teatro Municipal, explicou que no deseño deste acto tiveron en conta tres elementos. O carácter simbólico representado na bandeira da cidade que foi presentada, símbolo de identidade dun pobo, dicía. A memoria, presente nas fotografías antigas que forman parte do libro das festas, da exposición inaugurada e dun vídeo proxectado durante o acto, anunciando que é un dos grandes retos do seu goberno é a creación do Arquivo Municipal da Imaxe. O terceiro elemento é a vella Ponte Internacional que onte cumpriu 130 anos e que no seu día permitiu superar barreiras e unir dous pobos. Nese senso apuntaba ás relacións da Eurocidade Tui-Valença e ao recoñecemento cara o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, pregoeiro este ano, polo seu empeño e o seu labor para que “Valença e Tui camiñen xuntos e sexamos Eurocidade”


Neste evento foi presentada a bandeira de Tui que recibiu a aprobación unánime da corporación en pleno o pasado mércores. A concelleira de Cultura, María José González, deu lectura a un texto sobre a bandeira escrito polo cronista Oficial de Tui, Ernesto Iglesias Almeida, no que se sinala que non se coñece a data concreta da súa orixe pero hai referencia as súas cores azul e branco nun escrito do Concello dirixido ao Cabildo da Catedral do ano 1863. A bandeira foi portada ata o escenario por tres membros da Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui, mentres Arume de Malvas interpretou o himno do Antigo Reino de Galicia.


Abriu o acto o dúo de óboe e guitarra formado por Raquel Alves e Sergio Alonso, e pechouno a Banda de Gaitas Arume de Malvas coa interpretación do himno galego.


A continuación as autoridades procederon á inauguración da exposición “Fotografía antiga de Tui San Telmo 2016” que reúne 50 fotografías tomadas con anterioridade a 1930, algunhas delas inéditas ata o de agora.  A meirande parte destas fotografías ilustran o libro das festas deste ano que cambia para converterse nunha publicación que pon en valor o patrimonio tudense, neste caso o fotográfico. O libro pode obterse a partir do martes na casa do concello a cambio dun quilo de alimentos.