Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O perfil “Tui camino de santiago” supera os tres mil seguidores en facebook

26/11/2010

O PERFIL “TUI CAMINO DE SANTIAGO” SUPERA OS TRES MIL SEGUIDORES EN FACEBOOK
Ofrece información relativa á cidade, aos albergues, fotografías e novas  do camiño portugués ao seu paso por Tui

Venres, 26 de novembro de 2010. O perfil de Facebook “Tui Camino de Santiago” ten máis tres mil seguidores ou amigos nesta rede social, unha das máis destacadas por número usuarios, en concreto a día de hoxe 3.041 amigos. O perfil ofrece información relacionada co Camiño de Santiago en xeral, en particular sobre o roteiro portugués e, sobre todo, a actualidade que ten que ver coa cidade de Tui.

Fotografías, teléfonos, enderezos, consellos, novas, vídeos... son algunhas das cousas que os internautas poden atopar en “Tui Camino de Santiago”. Ademais, e máis importante, é a reposta personalizada que se lle da a cada pregunta concreta. Os interesados, futuros peregrinos, queren chegar ao seu destino coa maior cantidade de información posible. A actualización da información, enderezos e números de teléfono, dos albergues dende Tui a Santiago é unha das informacións máis buscadas polos usuarios de Facebook que pretenden facer o Camiño portugués este verán.

Neste perfil se introducen periodicamente noticias vinculadas ao fenómeno xacobeo ou a actualidade tudense... salienta especialmente a inserción regular de imaxes da cidade de Tui e a súa bisbarra relacionadas co Camiño de Santiago e que rapidamente suscitan os comentarios dos seareiros deste perfil de facebook.

Este perfil foi promovido polo Concello de Tui hai aproximadamente un ano tras constatar a falta de información relacionada co Camiño portugués e que os usuarios de Internet demandan constantemente. A Concellería de Cultura tudense, unha vez analizadas as carencias na Rede sobre este tema de gran importancia para Tui neste Ano Santo, puxo en marcha este perfil. Gran parte dos primeiros seguidores foron os propios tudenses usuarios desta rede social. E a partir de aí os contactos multiplícanse a gran velocidade como se acredita polo éxito de amigos logrado. Este é o xeito en que funcionan as Redes Sociais e nesta sinxela dinámica radica gran parte do seu éxito. A información chega a través dun amigo ou coñecido, o que lle da máis credibilidade.

A idea do Concello de aproveitar as sinerxías que as redes sociais e a información turística teñen en común está a ser compartida por Concellos, asociacións e empresas privadas que tentan chegar ós seus posibles visitantes e clientes a través da Rede. Son moitísimas as referencias ao Camiño que se  poden atopar a día de hoxe en Facebook, e o noso perfil está entre os máis seguidos.
Para o concelleiro de cultura, Moises Rodríguez Pérez, esta noticia evidencia a importancia que para Tui e a súa promoción cultural e turística posúe o camiño de Santiago e o interese que suscita. Este datos de usuarios do perfil de facebook compleméntase perfectamente cos datos de uso dos albergues de peregrinos que neste ano, a piques de rematar, superan amplamente as expectativas de ocupación. De novo queda en evidencia que os peregrinos seguen apostando por Tui como a porta de entrada en Galicia do camiño portugués, como o fixeron ao longo dos séculos dende a Idade Media.