O pavillón do CEIP de Randufe conta con nova cuberta tras un investimento superior aos 100 mil euros
Continúan a executarse obras de mellora que redundarán na mellora da eficiencia enerxética e na corrección dos problemas de condenación e humidade
O Concello de Tui continúa a executar obras nas instalacións deportivas municipais para garantir que as mesmas poidan ser empregadas nas mellores condicións posibles. Así o pavillón deportivo do CEIP de Randufe conta cunha nova cuberta tras o investimento de 105.881,23€ financiados a través do Plan Extraordinario de infraestruturas Deportivas da Deputación.
Esta obras, que remataron no mes de xuño, consistiron na substitución da cubrición existente, de chapas de láminas metálicas de aceiro galvanizado recubertas con poliuretano proxectado na cara interior, por unha nova de panel sándwich de 60 mm de espesor co que se mellora o illamento térmico e acústico da instalación.
Por outra parte procedeuse tamén a colocación de reixas de ventilación de lamas horizontais, e os vellos canalóns foron substituídos por novos elementos metálicos, de aceiro prelacado, de sección rectangular, dispostos na coroación das fachadas lonxitudinais da edificación e polo exterior. Tamén foron cambiadas as baixantes por unha novas metálicas de aceiro, que foron colocadas polo exterior da edificación.
O Concello de Tui continúa a executar outras obras de mellora e acondicionamento deste pavillón co obxectivo de resolver os problemas de condensación e humidade nas instalacións que se rexistraban en días de moita choiva que motivaban que a pista fose impracticable. Para iso lévanse a cabo traballos de escavación de terras no perímetro da edificación, ata alcanzar a cota de apoio das zapatas da edificación, impermeabilizaranse todos os muros, realizarase un sistema de drenaxe perimetral e un sistema de canalización enterrada para a recollida das augas pluviais.
Por outra parte para incrementar a eficiencia enerxética do pavillón serán substituídas as luminarias de campá de halóxenos metálicos existentes por unhas novas luminarias de campá de tecnoloxía led.
Estas obras está previsto que rematen o próximo mes de agosto, polo que estas instalacións municipais estarán preparadas para ser empregadas xa no inicio do próximo curso.