Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

"O patrimonio marítimo de Galicia" nova exposición no Anexo da Sala Municipal ata o 5 de novembro

22/10/2009

"O PATRIMONIO MARITIMO DE GALICIA" NOVA EXPOSICIÓN NO ANEXO DA SALA MUNICIPAL ATA O 5 DE NOVEMBRO

 

Dende hoxe ata o vindeiro 5 de novembro no zona Anexa da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui (edificio Área Panorámica - rúa Colón, 2) pódese visitar a exposición titulada "O patrimonio marítimo de Galicia", producida pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial coa colaboración do CEIDA  (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) para a súa itinerancia por Galicia adiante, e que chega a Tui coa colaboración da Concelleria de Cultura tudense.

Ao longo dos tempos, en todo o litoral de Galicia téñense desenvolvido actividades, oficios e modos de vida vencellados ao mar. Para pescar, transportar e, logo conservar, foi preciso construír barcos e despois portos para protexelos, así como edificios axeitados para transformar o peixe. Tamén, houbo que concebir aparellos, útiles de traballo e técnicas singulares, axeitados a cada costa e ás tradicións da zona en cuestión. Así mesmo, a casa mariñeira estivo condicionada polo xeito de vida dos moradores, así como polas peculiaridades xeográficas e climatolóxicas da súa localización.

Pero o mar é algo máis que reserva de peixe ou vía de comunicación. Así, por exemplo, para proveito dalgúns muiñeiros, a auga déixase canalizar ata os rodicios dos muiños de maré. Lugar de tráfico, de intercambio, de comercio, o mar é tamén un espacio susceptible de balizar, de vixiar, de protexer. Daquela, foron levantadas fortalezas para defender a beiramar para eventuais agresores; fachos, luces e faros alumearon para clarear as singraduras dos navíos.

Existe, xa que logo, as que se deron en chamar "xentes do mar", que abranguen todas as angueiras relacionadas co medio mariño. E dentro da súa diversidade, teñen regras e leis propias; as súas tradicións e o seu "saber-facer". Ao cabo dos séculos, esta sorte de confraría teceu o seu universo deixando acá e acolá pegadas, discretas ou rechamantes, do seu devir: arquitecturas con ou sen arquitectos (quer dicir, edificios de orixe civil, militar ou popular); as cousas; utensilios; barcos; imaxes; técnicas; toponimias; fala;... Este conxunto, que ben puideramos rotular como "Patrimonio Marítimo", compón un verdadeiro tesouro con múltiples alfaias, case todas ameazadas ao día de hoxe.

Con esta mostra trátase de valorizar estes elementos patrimoniais e de espertar o interese sobre a cultura e a tradición marítima, tan presente na nosa terra.

Para o responsable da concellería de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, esta exposición enmarcase na programación de actividades desta Sala Municipal que procura ofrecer unha escolma diversificada de exposicións ao longo do ano que resulte de interese para os veciños e veciñas de Tui e a súa bisbarra.