Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Outono no Teatro contará con distintas propostas para toda a familia que inclúe dúas estreas

2/10/2017

Esta mañá presentouse no Teatro Municipal a programación da Axenda Corredoira Cultural para os vindeiros meses

O Teatro Municipal acolleu esta mañá a presentación da programación cultural que se levará a cabo durante os meses de outubro novembro e decembro baixo o título “Outono no Teatro”, e que dará comezo este mesmo venres.

No acto estiveron presentes o alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura e Ensino, Mº José González, así como o director da AGADIC, Jacobo Sutil. Amais a presentación contou con algúns representantes dos distintos espectáculos que forman parte desta programación.

Enrique Cabaleiro quixo destacar o apoio que se fai á cultura dende o Concello de Tui, que nesta ocasión presenta unha axenda bastante ambiciosa e cun gran traballo detrás para que a cidade cumpra co seu compromiso cultural e siga levando adiante propostas de calidade.

Esa aposta pola cultura pasa por formar parte da Rede de Teatros e Auditorios de Galicia xestionada pola AGADIC. Así o resaltou o seu director, Jacobo Sutil, que aproveitou para destacar que Tui participa nesta rede case dende os seus inicios e que colabora amais en todos os programas que fan coas entidades locais.

Pola súa parte, María José González, concelleira de Cultura e Ensino, puxo de manifesto a importancia que se lle quere dar con esta programación á muller na sociedade e no mundo, reivindicando o seu papel. Así é que entre os títulos propostos se atopan algúns centrados en reivindicar aspectos como a muller no rural ou as mulleres e o primeiro matrimonio homosexual.

A primeira cita será este venres, 6 de outubro, con “Planeta Ardora”, de Trompicallo, unha compañía con 20 anos de historia que celebra o seu aniversario con este espectáculo de teatro de monicreques pensado para todos os públicos, e que se estrea precisamente en Tui. En nome desta compañía estivo presente Emi Candal, da distribuidora Urdime, que resaltou o protagonismo da luz nun espectáculo cun texto formado tan só por 14 palabras.

A programación continúa este sábado, 7 de outubro, con Resaca da compañía ourensá Ilmaquinario. Melania Cruz, unha das actrices, explicou que este terceiro traballo é a proposta máis persoal dende que comezaron a súa andadura no 2012. Nel reflexionan sobre a perda dun ser querido nun espectáculo que une danza, poesía e música en directo.

Laura Villaverde, produtora e actriz de ArtesaCía, foi a encargada de presentar outra das estreas desta tempada no Teatro Municipal de Tui: “Chola a It Girl”. Trátase dunha proposta que reivindica a muller rural indo máis aló do teatro e converténdose nun proxecto cultural con maiúsculas que conta coa súa propia webserie, un blog ou unha liña de moda. A cita será o venres 20 de outubro.

O 21 de outubro ao Teatro Municipal chegará o espectáculo de María Fumaça “Aire”, o seu terceiro disco. Sobre esta proposta falou Manuel Sío, un dos seus integrantes e pai de Rui, o neno polo que se deron os primeiros pasos do proxecto.. Novamente contarán coa participación de moitos artistas profesionais nun acto para reivindicar e facer visible a diversidade.

O Outono no Teatro continuará con “Elisa e Marcela”, de A Panadaría Teatro, e con “Outono”, de Pistacatro, o 3 e 4 de novembro. A seguinte semana chegarán a Tui “Redondo”, de Caramuxo Teatro, e “A nena que quería navegar”, da man de Redrum. Para rematar o mes de novembro o 17 actuará a compañía Contraproducións co espectáculo “Nacidas Libres”.

A programación remata o 22 de decembro co Concerto de Nadal e en representación deste último espectáculo estivo presente Rubén López, director do Conservatorio de Música Profesional e da Escola de Música de Tui e director artístico da Orquestra Sinfónica da cidade. Esta cita musical contará coa colaboración do Coro da Escola de Música de Valença como parte dun proxecto de futuro para crear o Coro e a Orquestra Sinfónica da Eurocidade.