Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Obradoiro dual de emprego mellorará a senda dende a praia de Areeiros até Caldelas

22/12/2023

Vinte persoas formaranse durante un ano nas especialidades de forestal e madeira

Un total de vinte persoas comezaron a súa formación nas especialidades de “Forestal” e “Madeira” no novo obradoiro dual de emprego “Senda río Miño: Areeiros-Penedo” que foi presentado este mediodía na casa do concello de Tui.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, presidiron o acto que contou tamén coa presenza da concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, e o xefe territorial do xefe territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualade, José Antonio Rodríguez, xunto á directora do obradoiro, Mª Dolores Pérez, persoal técnico e docentes e o alumnado.

Neste acto o alcalde, Enrique Cabaleiro, reafirmou “o compromiso de traballo para pór en marcha accións para mellorar a empregabilidade das persoas”. Destacou coma neste obradoiro cúmprense dous obxectivos, por unha banda a formación das persoas e por outra realizar actuacións importantes que quedan no territorio. Destacou os catro obradoiros e os catro programas integrados de emprego desenvolvidos ao longo dos últimos anos, o que dicía “amosa o compromiso do goberno local e da Xunta para pór en marcha iniciativas de mellora da empregabilidade”. Agradeceu á Xunta de Galicia o investimento que realiza neste eido.

Pola súa banda o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, na súa intervención quixo deixar tamén constancia do compromiso da Xunta co emprego. Dirixíndose ao alumnado indicoulles que “esta é unha oportunidade importante que debedes aproveitar para formarvos e para acceder a un posto de traballo”, ao tempo que dicía “deixades unha pegada importante no voso pobo” en referencia ás obras que se executan neste tempo de formación.

Ao longo do próximo ano o Obradoiro traballará no proxecto de mellora da accesibilidade da Senda PRG-19 (Tui-Caldelas-Tui), no tramo comprendido entre a Praia de Areeiros e Caldelas de Tui, até conectar co Sendeiro Municipal do río Miño entre o río Caselas en Tui e o Parque Municipal da Canuda.

A actuación prevista realizarase nun tramo de 6.535 metros á beira do Miño nas parroquias tudenses de  Guillarei, Paramos, Baldráns e Caldelas de Tui, mellorando a accesibilidade e establecendo zonas de lecer e descanso, para poñer en valor a súa contorna e achegar á poboación os recursos paisaxísticos e patrimoniais que se atopan neste entorno coma é o caso do Petróglifo das Carneiras, a Ínsua de Mouros, o xacemento de Igrexa Vella, o local social de Augas Termais de Caldelas de Tui e o xacemento romano do Pombal. 

A Xunta de Galicia aporta 530 mil euros e o Concello de Tui 180 mil para a realización deste obradoiro.