Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Museo Diocesano de Tui reabre mañá as súas portas ao público

3/08/2021

Destaca a presenza dos Sambenitos, pezas únicas do legado xudeu da cidade

Dende mañá mércores, 3 de agosto, poderá volver visitarse o Museo Diocesano de Tui, en horario de 11 a 14 h  e de 18 a 20 h de luns a venres. O donativo para a entrada é dun euro. Será grazas ao acordo acadado entre o Concello de Tui e o Bispado da Diocese de Tui-Vigo. 

O Museo Diocesano, situado no antigo Hospital de Pobres e Peregrinos, na praza do Concello, custodia valiosas pezas do patrimonio tanto de Tui coma da comarca do Baixo Miño.

Destacan os Sambenitos atopados nos anos 80 na Catedral de Tui, pezas destacadas do patrimonio xudeu tudense.  No terceiro andar do edificio expóñense cinco lenzos cos 14 sambenitos dos que 10 son os orixinais e 4 son copias, xa que os orixinais atópanse agora no Museo Catedralicio.

O Museo Diocesano acolle tamén outras pezas vinculadas á cultura xudía coma é o caso da cruz parroquial do Porriño do século XVII do prateiro converso Joâo de Sousa. Forma parte da colección de pratería onde destaca tamén a cruz parroquial de Mos.

Na visita pódese realizar un percorrido pola historia a través de pezas coma o casco celta do século III-II a.c atopado en Caldelas, xunto a outros elementos provintes de escavacións realizadas na zona.
Posúe o Museo Diocesano unha importante colección de arte sacro procedente das igrexas da Diocese de Tui-Vigo. Tamén conta cunha colección de cadros con retratos de bispos, entre eles Rosendo Salvado.