Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O MUMI 2021, o encontro profesional da música galega e portuguesa, afonda na internacionalización e nas alianzas

13/09/2021

A Eurocidade Tui-Valença congregou a boa parte das empresas e profesionais de Galicia e Portugal durante os tres días nos que se desenvolveu o MUMI 2021. Do 9 ao 11 de setembro, o Encontro Profesional das Músicas no Minho reuniu a máis de 120 profesionais inscritos que participaron en mesas redondas e reunións nas que se abordaron as posibilidades de colaboración, a profesionalización artística e a internacionalización de proxectos. A organización do MUMI 2021 fai un balance moi positivo desta primeira feira profesional luso-galaica que responde á necesidade de crear un espazo de encontro entre o sector de ambas beiras do Miño. Patrocinado pola Eurocidade Tui-Valença a través do proxecto Unicidade e polos concellos de Tui e Valença, tamén apoian o MUMI 2021 a Direção Regional de Cultura do Norte e a Xunta de Galicia así como a Fundação GDA, Fundación SGAE, Mel: Piquenique das artes!, Deputación de Pontevedra, Bodegas Martín Códax, Gadis e Bodegas Corisca.

Tres días, dezasete showcases, cinco mesas redondas e un cento de speedmeetings para un evento no que se inscribiron máis de 120 profesionais e que instalou a área profesional na Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença. Para a organización do encontro, o MUMI constitúe o punto de partida para a recuperación do sector no contexto da pandemia  creando un espazo de encontro no que construír unha relación estable entre axentes e empresas galegos e portugueses. As persoas inscritas participaron activamente nos speedmeetings que se desenvolveron na área profesional, encontros tan rápidos como intensos que poñen en contacto a músicos con programadores e xestores, a profesionais de diferentes puntos xeográficos ou a empresas con novos talentos.

Este tipo de encontros conforman a identidade do MUMI 2021 cuxo obxectivo principal é establecer un novo escenario para este tipo de interrelacións e intercambios. Os profesionais inscritos tiveron a oportunidade de asistir a mesas redondas que recolleron as inquedanzas do sector, moitas delas agravadas polo contexto pandémico. Os direitos dos artistas, a situación actual das salas de concertos tras un ano e medio de peche e o seu papel fundamental na promoción artística, o asociacionismo como estratexia, o papel dos patrocinios culturais e a relación dos festivais co territorio foron os temas das palestras que tiveron lugar o xoves 9 e o venres 10 de setembro. Entre as bandas que protagonizaron os showcases dirixidos exclusivamente a profesionais estiveron os portuguesas José Valente, Jorge da Rocha e emmy Curl, e os galegos Oîma, Pálida e Xacobe Martínez Antelo Quinteto.

Ademais de toda a programación dirixida ao público profesional, a organización do MUMI 2021 tivo claro desde un primeiro momento a necesaria proxección pública do evento coa inclusión de actividades e concertos para a cidadanía en xeral. Familia Caamagno, Magín Blanco e A banda das apertas, O Sonoro Maxín, , Pulpiño Viascón, Silvia Penide, Barry White Gone Wrong, Cassete Pirata, Conjunto!Evite, KÁUSTIKA, TAKATUM e The Guit Kune Do foron as bandas que puido gozar o público en espazos como o Teatro Municipal e as rúas de Tui. O pasamento do ex presidente portugués Jorge Sampaio e a declaración de loito oficial en Portugal provocou que a actividade aberta prevista para Valença se trasladase a Tui o sábado 11 de setembro.

A Eurocidade: aposta polo MUMI

Ademais o MUMI 2021 foi escenario da estrea absoluta da Orquestra Galego-Portuguesa de Liberación, dirixida por Xacobe Martínez Antelo, e que foi o concerto de apertura no Teatro Municipal de Tui. Unha orquestra composta por 16 músicos galegos e portugueses que, ao redor da improvisación, deleitou ao público do MUMI que encheu o aforo do teatro na noite inaugural. Unha experiencia única que simbolizaba enriba do escenario e a través dos instrumentos, a filosofía do Encontro Profesional das Músicas no Miño. Tamén foi especial o encontro no palco, para o concerto de peche, de dous dos grandes nomes da música, considerados embaixadores da cultura galega e portuguesa, como son Uxía e a banda de Terras de Miranda, Galandum Galundaina.

A organización do MUMI, un proxecto que viñan madurando desde hai anos un grupo de empresas culturais de Galicia e Portugal, expresou de maneira especial o seu agradecemento aos concellos da Eurocidade, Tui e Valença, que a través do proxecto Unicidade patrocinan o encontro. Ambos concellos amosáronse sempre convencidos de que a Eurocidade Tui-Valença, un dos poucos espazos transfronteirizos en Europa de carácter urbano, pola súa necesidade de horizontes comúns, era o territorio adecuado para un proxecto como o MUMI. Ambas institucións entenden que as implicacións sociais e económicas da actividade cultural e, máis concretamente, da música, están xerando benestar e progreso na Eurocidade. Desde a organización do MUMI 2021, este primeiro balance na xornada de peche é moi positivo, resaltando a creación de alianzas estratéxicas, fundamentais no momento no que vivimos.