Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Mercado de San Antonio impulsa o emprendemento local con cinco novos espazos comerciais

7/11/2025

O Mercado de San Antonio continúa a medrar e a consolidarse como un referente comercial e estratéxico en Tui e na súa contorna. O Concello abre agora a convocatoria para incorporar cinco novos proxectos empresariais, que ampliarán e diversificarán a oferta da praza, reforzando a súa vocación de servizo público e o seu papel dinamizador da economía local.

As novas instalacións do Mercado de San Antonio, inauguradas en 2024 tras unha reforma integral do edificio, están adaptadas aos novos hábitos de consumo e compra, apostando pola eficiencia enerxética, a sustentabilidade e a comodidade. O mercado consolidouse xa como punto de encontro e referencia non só para a veciñanza de Tui, senón tamén para clientela doutros municipios próximos e mesmo do norte de Portugal.

Na actualidade, o Mercado conta con 20 postos fixos, entre os que se inclúen 7 peixerías, 2 carnicerías, 1 posto de froita e verdura, 1 florería, 1 posto de produtos gourmet, 1 de café de especialidade e 1 de produtos ecolóxicos.

O Mercado de San Antonio dispón ademais de taquillas intelixentes que permiten recoller a compra fóra do horario habitual dos postos, un servizo que está a ter unha excelente acollida entre a clientela.

A nova convocatoria busca incorporar cinco propostas comerciais complementarias: unha carnicería, un espazo gastronómico, unha panadaría, un posto de froita e verdura, e outro de alimentación e produtos conxelados.

A tipoloxía destes novos espazos responde ás necesidades detectadas no estudo de mercado previo á reforma, así como ás demandas actuais da cidadanía, co obxectivo de ofrecer un mercado máis completo, moderno e adaptado ás novas tendencias de consumo.

As persoas interesadas poden consultar as bases da licitación e as condicións de cada espazo na sede electrónica do Concello de Tui e na web municipal www.tui.gal.

Con esta ampliación, o Mercado de San Antonio fortalece a súa oferta e consolida o seu crecemento, contribuíndo á creación de emprego, ao impulso do comercio de proximidade e á dinamización económica da cidade.

A concelleira de Comercio e Mercados, Ana Núñez, anima ás persoas emprendedoras a “formar parte dun proxecto comercial sólido e con grandes posibilidades de futuro” e subliña que “esta convocatoria é unha oportunidade única para quen queira sumarse a un mercado en pleno funcionamento, en crecemento, cunha oferta comercial atractiva, variada e competitiva”.