Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Mercado de San Antonio acollerá experiencias enogastronómicas

5/04/2025

As primeiras sesións terán lugar Xoves e Venres Santo  
 

Este mes de abril comezarán as catas maridadas de produtos locais no Mercado de San Antonio. É unha iniciativa do Concello de Tui, a través da concellaría de Turismo, que conta coa colaboración da axencia Galician Food Experience.

As primeiras sesións celebraranse xoves 17, Xoves Santo, e o venres 18 de abril, Venres Santo,  ás 12 h na aula de formación-obrador do Mercado. As persoas asistentes poderán probar dous viños brancos de Tui e un viño de Porto acompañados de produtos como empanada de millo, conservas e doces elaborados en Tui como bica de améndoa ou a tarta de San Telmo.

Xiana Pérez, divulgadora gastronómica con máis de 10 anos de experiencia e autora do libro As receitas de Xiana publicado en Editorial Galaxia, guiará ás persoas participantes nesta enriquecedora experiencia.
Máis que unha simple cata, esta iniciativa busca dinamizar o comercio local, realzar a identidade gastronómica de Tui e converter o renovado mercado de San Antonio nun punto de referencia para o turismo gastronómico. Ademais, a actividade ofrecerase en castelán e inglés para adaptarse a visitantes de diferentes procedencias.

Haberá novas catas a fin de semana do 25 e 26 de abril no mesmo horario e continuarán xa en temporada alta.

A experiencia, cun prezo de 35€ por persoa, poderá reservarse a través de WhatsApp 667 879 113 ou enviando unha mensaxe ao correo electrónico galicianfoodexperience@gmail.com, até 24 horas antes da realización da cata elixida. Realizarase cun mínimo de catro persoas inscritas.
Esta actividade supón unha oportunidade única para saborear o auténtico, coñecer os produtos locais e conectar coa cultura gastronómica de Tui.