Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Mercadiño Solidario de Libros da Biblioteca Municipal oferta preto un millar de exemplares

17/12/2025

Até o 5 de xaneiro pódense cambiar as obras literarias por produtos de Nadal. Amais na sección infantil da Biblioteca hai préstamo sorpresa

Até o 5 de xaneiro está aberto o Mercadiño Solidario de Libros da Biblioteca Municipal de Tui no que se ofertan preto dun millar de exemplares en intercambio por un lote de produtos de Nadal. Nesta iniciativa colabora o departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui.

Os libros ofertados son de temática moi ampla e variada, dende novelas, libros infantís e xuvenís, libros de coñecementos, de non ficción, incluso algunhas obras de consulta. Diariamente se irán incorporando novos exemplares actualizando así de modo permanente este mercadiño.

A Biblioteca Municipal repite este mercadiño tras a exitosa experiencia dos últimos anos ofertando os libros destinados ao expurgo, os procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns da veciñanza, para que aquelas persoas lectoras interesados poidan recoller as obras que resulten do seu interese. A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais.

O mercadiño está aberto no horario de atención ao público da Biblioteca Municipal de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 20.30 h e os sábados de 9 a 13 h.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla destaca que con esta actividade a Biblioteca Municipal oferta un amplo abano de libros a todas as persoas afeccionadas á lectura a cambio da entrega de produtos do Nadal cunha finalidade solidaria. Engade que “é unha ocasión para achegarse e atopar algunha publicación, xa fora do mercado ou descatalogada, que deste xeito aproveita ao lector interesado e tamén á familia que recibirá os produtos de Nadal”.

Outra iniciativa da Biblioteca Municipal nestas data de Nadal está dirixida ao lectores máis novos, así dende a tarde deste mércores 17 de decembro, na biblioteca infantil cada usuario que retire algún libro desta sección,  poderá escoller para levar en préstamo unha novidade, un libro de recente edición adquirido pola biblioteca que estará empaquetado para que resulte unha sorpresa para ler polo noso usuario.