O mellor balonmán galego cítase en Tui este domingo
O pavillón Gustavo Rodríguez acolle a Copa e Supercopa Galega de Balonmán. Tres xogadoras e un xogador tudenses competirán cos seus equipos nestas finais
O mellor balonmán galego cítase en Tui este domingo na disputa das finais da Copa e da Supercopa Galicia de Balonmán masculino e feminino.
Estes eventos, organizados pola Federación Galega de Balonmán, en colaboración co Concello de Tui, Deporte Galego da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Club Balonmán Tui, reunirán en Tui aos mellores oito equipos galegos nas categorías masculina e feminino, así coma a toda a afección galega deste deporte. A paixón polo balonmán vivirase dentro e fóra da pista en catro encontros do máximo nivel.
O Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela acolleu este mediodía a presentación coa participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o secretario xeral para o deporte da Xunta de Galicia, Roberto García, a directora de deportes da Deputación de Pontevedra, Xisela Aranda, o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, o concelleiro de deportes de Tui, Rafael Estévez, o presidente do Club Balonmán Tui, Agustín Martínez, xunto a membros dos clubs participantes en ambas competicións.
Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, na súa intervención salientou a importancia que o deporte ten na cidade, destacando o papel que ten o deporte non só como dinamizador social senón tamén coma dinamizador económico. Enrique Cabaleiro amosou o orgullo da cidade por acoller un evento desta características, salientou que será un éxito tamén pola afluencia de público. O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, destacou na súa intervención coma acoller na cidade eventos coma a Copa e a Supercopa Galicia, fortalecen a base do balonmán na cidade ao propio Club Balonmán Tui.
Este domingo abrirá a competición o A.D. Carballal fronte ao Helvia Saeplast Cañiza na final da Copa Galicia Feminina ás 11 h.
Dúas horas despois, ás 13 h, será a quenda o Teucro Lintel e o Bueu Atlético Balonmán, na final masculina.
Pola tarde celebraranse as finais da Supercopa. Ás 17 h será o partido da final masculina entre o Attica 21 Hotels Oar Coruña e o Frigoríficos do Morrazo. E por último ás 19 h o Balonmán Atlético Guardés e o Conservas Orbe Zendal Balonmán Porriño buscarán a vitoria na final feminina.
O balonmán tudense estarán moi presente tamén na pista xa que hai catro xogadores tudenses que disputarán as finais. Serán Pablo Gándara co Bueu Atlético Balonmán, Maya Moledo, co BM Cañiza, Sabela Vázquez co A.D. Carballal, e Silvia Leiras co Atlético Guardés.
As entradas para os partidos están á venda na web da Federación Galega de Balonmán.





