Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O martes 26 de outubro o concello Tui réndelle unha homenaxe a Darío Álvarez Blázquez no centenario do seu nacemento

22/10/2010

O MARTES 26 DE OUTUBRO O CONCELLO TUI RÉNDELLE UNHA HOMENAXE A DARÍO ÁLVAREZ BLÁZQUEZ NO CENTENARIO DO SEU NACEMENTO

Venres, 22 de outubro de 2010. O Concello de Tui realizará unha homenaxe de lembranza e recoñecemento ao egrexio tudense, Darío Álvarez Blázquez, o cumprirse o centenario do seu nacemento na cidade. O doutor Darío Álvarez Blázquez, falecido no ano 1979, foi unha persoa moi apreciada na cidade, e aínda que, dende 1942, residía en Vigo nunca cesou nos seus vencellos con Tui e as súas xentes.

Agora, por acordo unánime da Corporación Municipal, o vindeiro martes 26 de outubro celebrarase unha homenaxe arredor da súa figura. O programa desta xornada abrangue o seguinte:

  • Ás 19,00 h.: Descubrimento dunha placa conmemorativa na que foi a súa residencia na rúa San Telmo, 5. No acto intervirá o seu fillo Darío Álvarez Gándara e o Alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha.
  • Ás 19,45 h.: Celebración dunha mesa redonda arredor da figura de D. Darío Álvarez Blázquez que contará coa participación de D. Alfonso Álvarez Gándara, D. Xosé María Álvarez Cáccamo, D. Ernesto Iglesias Almeida e D. Alberto Estévez Piña, no antigo convento de San Domingos de Tui.

 

Dario Álvarez Gándara (1910-1979), foi o primeiro dos fillos de Darío Álvarez Limeses, médico afincado en Tui dende 1905 e María Blázquez Ballester. Tras estudar en Tui os primeiros anos, fixo o bacharelato por libre examinándose en Pontevedra e cursou a carreira de medicina en Santiago, acadando a licenciatura no ano 1932, logrando posteriormente, no Hospital de San Carlos de Madrid, as especialidades de pulmón e corazón.

Tras establecerse como médico en Tui, accede a unha praza coma tisiólogo por oposición no Patronato Nacional Antituberculoso; dende 1933 a 1936, ocupa a praza de tisiólogo no Centro Secundario de Hixiene Rural de A Guarda. Médico con consulta propia en Tui entre 1932-42, asistía á dotación da lancha cañoneira “Cabo Fradera” e tamén a varias comunidades de pobres e colectivos como ás Madres Doroteas, ás Hermanitas do Asilo  de Anciáns Desamparados, ás “Encerradas”, etc.  Tamén ao pouco de licenciarse foi profesor auxiliar da cátedra de Ciencias Naturais no Instituto de Segunda Enseñanza tudense.

Promotor en Tui do Partido Galeguista a Guerra Civil supuxo unha traxedia para a súa familia, co fusilamento do seu pai e a presión social conseguinte, que os obrigou a establecerse en Vigo no 1942, asumindo Darío a responsabilidade familiar naqueles difíciles anos da posguerra. Na cidade olívica Darío Álvarez Blázquez desenvolveu a súa actividade como médico en diversos ámbitos laborais ata o seu falecemento en 1979.
Foi escritor tanto de novelas como nos xornais, onde mantivo longas colaboracións no “Jornal de noticias” como en “La Voz de Galicia”, humanista no amplo sentido da palabra. Cabería salientar os traballos dedicados á reivindicación do berce tudense do médico e filósofo Francisco Sánchez, sobre quen centrou a súa tese de doutoramento.

Casado coa tudense Carmen Gándara, Darío Álvarez Blázquez, tivo sempre unha grande estima entre os veciños de Tui que apreciaron a súa xenerosa personalidade e a súa afabilidade con cantos se achegaban ata a súa consulta, ata o punto de ser chamado “o médico dos pobres”.

O Concello de Tui convida a todos os veciños a sumarse a este acto de lembranza arredor da figura de Darío Álvarez Gándara.