Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O martes 13 comeza a segunda edición de “Cultiva a Mente”

2/10/2020

Vaise celebrar en Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, Areas e Rebordáns

O próximo martes, 13 de outubro, ponse en marcha a segunda edición do programa “Cultiva a Mente” froito da colaboración entre o Concello de Tui, a través do departamento de Servizos Sociais, e AFAGA, a Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras demencias de Galicia. 

Na primeira edición deste programa “Cultiva a mente” participaron oitenta persoas. Debido ao confinamento os obradoiro tiveron que deixar de realizarse presencialmente aínda que durante estes meses realizouse un seguimento dos usuarios. Agora retómase de forma presencial os martes de 10 a 11.30 h en Caldelas, e de 12 a 13.30 h en Guillarei, os mércores de 10 a 11.30 h en Pazos de Reis, e de 12 a 13.30 h en Areas, e os venres de 10 a 11.30 h en Rebordáns. Trátase dunha iniciativa pioneira que busca descentralizar este servizo e achegalo á cidadanía.

Durante hora e media á semana as persoas inscritas realizarán técnicas de memoria, recibirán consellos saudables para o cerebro, e ao tempo fomentarase a socialización e emoción positivas.

Os grupos en cada unha destas parroquias están completos pero estase a confeccionar lista de agarda para cubrir as prazas vacantes que se poidan rexistrar. Por iso as persoas interesadas poden cubrir o impreso de solicitude, accesible en tui.gal, e presentalo por rexistro de entrada na casa do concello. 

Solicitude de inscrición no programa Cultiva a Mente 2020-2021