O martes 11 abre o prazo de inscrición para o Desfile-Concurso de Entroido de Tui
Será o martes 4 de marzo e no mesmo repartiranse máis de 5 mil euros en premios
Venres, 7 de febreiro de 2014. O próximo martes, 11 de febreiro, abrirase o prazo de inscrición para o Desfile-Concurso de Comparsas e Grupos de Entroido que se vai celebrar o martes, 4 de marzo, en Tui.
A inscrición debe realizarse o martes 11, mércores, 12, venres 14 ou martes 18 de 10 a 14h no departamento de Cultura na Casa do Concello cubrindo o impreso normalizado para este fin. Establécese un máximo de participación de 18 comparsas e 3 grupos, por orde de inscrición, coa salvidade de que nunca un grupo ou comparsa de Tui quedará fóra.
Os grupos deben estar formados por entre 12 e 20 persoas e as comparsas deben estar integradas por un mínimo de 25 persoas.
Neste concurso de Entroido repartiranse 5 mil euros en premios ao que hai que engadir 400 € dos trofeos, e ata un máximo de 9.600€ en concepto de compensación por participar. Haberá un premio xeral, no que competirán de xeito conxunto grupos e comparsas e no que se valorará a orixinalidade, vestiario, parodia, acompañamento musical e carroza. Nesta categoría haberá un total de sete premios que oscilan entre os 700€ do primeiro e os 100€ do sétimo. En carrozas establécense outros sete premios dotados con contías que van dos 400€ aos 50€. Amais haberá tres premios para acompañamento musical, de 250€, 150€ e 50€, para a música interpretada en directo, e por último hai un único premio para fantasía valorado en 300€.
Amais destínase un máximo de 9.600€ a compensación económica que recibirán as comparsas e grupos por participar. As comparsas tudenses con carroza recibirán 500€, e as que non leven carroza 250€, mentres que as foráneas recibirán 250€ e 125€ en función de se levan ou non carroza. No caso de grupos os de Tui percibirán 200€ se levan carroza e 100€ en caso contrario, e os grupos de fóra terán unha compensación de 100€ e 50€ respectivamente se levan ou non carroza.
O desfile-concurso de Entroido celebrarase o martes, 4 de marzo, ás 17.30h nun circuíto polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda, quedando prohibida a parada dos participantes diante do palco. En caso de choiva o desfile aprazaríase para o sábado 8 de marzo ás 17.30h.
Todas as comparsas e grupos deberán asistir ao Enterro do Bacallau que terá lugar o domingo, 9 de marzo, ás 19.30h dende a Praza de San Fernando.
Ás bases completas pódense consultar no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web www.concellotui.org, así como no departamento de Cultura do Concello de Tui.