Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O lúns sesión sobre cultura e tradición termal en Tui e Galicia

2/09/2011

O LUNS 5 DE SETEMBRO SESIÓN SOBRE CULTURA E TRADICIÓN TERMAL EN TUI E GALICIA

É unha actividade complementaria á exposición “O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia” aberta ao público ata o 17 de setembro

 

Co gallo da celebración na nosa cidade da exposición “O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia” o vindeiro lúns 5 de setembro ás 20,00 horas terá lugar no edificio Área Panorámica de Tui unha sesión sobre termalismo que contará coa participación de destacados especialistas nesta materia. Esta sesión estará centrada en dous eixos, un dedicado especialmente ao balneario de Caldelas de Tui, tanto no seu aspecto histórico como termal, para abordar de seguido unha pequena mesa redonda sobre “Tradición e cultura termal en Galicia”.

Estas actividades están organizadas pola Asociación de Balneario de Galicia e contan coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui. Para a súa responsable, Vanesa  Rodríguez Pereira, esta sesión sobre termalismo é unha excelente oportunidade para achegarse ao coñecemento e valorización do termalismo como un elemento integrante da cultura de Galicia dende os tempos máis remotos e, especialmente, para afondar na difusión do balneario de Caldelas de Tui, un establecemento con case dous séculos de historia e que dota ao noso municipio dun valor engadido que se suma ao seu patrimonio e paisaxe. Vanesa Rodríguez agradece á Asociación de Balnearios de Galicia e ao Balneario de Caldelas o seu esforzo para a organización desta exposición na nosa cidade e desta sesión divulgativa a cargo de principais especialistas de Galicia en materia de termalismo.

O programa da sesión é o seguinte:

 

20:00 H. APERTURA DO ACTO.

D. Moisés Rodríguez Pérez (Alcalde Concello de Tui),

D. Juan Gestal Otero (Decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela e director da Cáteda de Hidroloxía Médica USC – Balnearios de Galicia),

Dona Ana Rodriguez Ruiz (Directora do Balneario de Caldelas de Tui).

 

20:15 H. UN CAPITULO DA HISTORIA DO TERMALISMO GALEGO: O BALNEARIO DE CALDELAS DE TUI.

D. Luis Alonso Álvarez (Catedrático de Historia e Institucions Economicas. Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Universidade da Coruña).

 

20:35 H. INDICACIONS SANITARIAS DAS AUGAS DO BALNEARIO DE CALDELAS DE TUI.

D. Elias Festa Cayuela, director medico do Balneario de Caldelas de Tui.

 

20:55 H. MESA REDONDA. “TRADICIÓN E CULTURA TERMAL EN GALICIA”.

D. Luis Rodriguez Míguez (Codirector da Cátedra USC – Balnearios de Galicia).

D. Luis Alonso Álvarez (Catedrático de Historia e Institucions Economicas. Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Universidade da Coruña).

Dona Noelia Cabarcos Novás (Directora área termal Balneario de Mondariz).

Modera: D. Benigno Amor Barreiro (Xerente Asociacion de Balnearios de Galicia).

 

21:45 H. PECHE DA XORNADA.          

 

A asistencia a esta sesión é libre e gratuita para todas as personas interesadas.

A exposición “O mecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia” articúlase nunha serie de bloques cos principais fitos históricos do termalismo e as súas particularidades, arrancando co rexurdimento dos balnearios galegos no tempo da Ilustración e continuando cos balnearios liberais (1808-1874), Restauración e Belle Époque (1875-1914), ditadura de Primo de Rivera, República e posguerra, a recuperación destes establecementos durante a transición, os principais balnearios galegos na historia, a vida cotiá dos bañistas, a arquitectura destes espazos, as augas embotelladas e outras actividades industriais e a publicidade.

A presenza desta exposición na nosa cidade pretende reivindicar a achega que na historia termal de Galicia posúe o Balneario de Caldelas, un dos exemplos máis sobranceiros da tradición termal na nosa Comunidade Autónoma. De este establecemento contaremos na exposición con diversas pezas de caracter histórico que enriquecen o contido da mostra.

Esta exposición está organizada pola Asociación de Balnearios de Galicia, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia, a Cámara Oficial Mineira de Galicia e o Concello de Tui. Estará aberta ao público ata o vindeiro 17 de setembro na Sala Municipal de Exposicións (Edificio Área Panorámica, rúa Colón, 2).