Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O luns comezan as catas arqueolóxicas na travesía de San Domingos

13/11/2021

Trátase de traballos previos á execución do proxecto de soterramento e renovación de servizos

O próximo luns, 15 de novembro, comezarán as catas na travesía de San Domingos para valorar a presenza de restos arqueolóxicos neste vial, así coma para avaliar o impacto que as obras previstas de renovación de instalacións e servizos poderían ter.  

Os traballos prolongaranse durante dúas semanas, tempo no que non se poderá estacionar nesta zona. Dende o Concello de Tui agradécese a colaboración dos veciños e veciñas para poder levar a cabo estes traballos, que poden ocasionar molestias puntuais ao longo destes quince días de execución, pero que son fundamentais para o desenvolvemento das obras de humanización deste espazo.

A realización destas catas é un paso previa á redacción do proxecto definitivo. Son un condicionado establecido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no informe favorable para a obtención da autorización preceptiva deste departamento tras serlle remitida a  “Memoria valorada de cálculo e desenvolvemento técnico para o soterrado de todas as instalacións e servizos nas travesías de Santo Domingo e San Francisco”.

Neste proxecto está prevista a renovación dos servizos existentes de saneamento e abastecemento de auga, así como a incorporación de tubaxes de canalización para o resto dos servizos, en previsión da súa futura instalación. En concreto incluiranse o soterramento das conducións de iluminación, rede de baixa tensión, telecomunicacións, abastecemento de auga, recollida de pluviais, augas residuais e rede de gas natural. O proxecto contempla tamén a renovación do pavimento.

Nas catas que comezarán a realizarse o próximo luns levarase a cabo a apertura de sondaxes manuais de 2 x 2 metros, cunha distancia de 20 metros entre cada sondaxe. De seren localizados restos arqueolóxicos de interese, susceptibles de ser conservadores, empregarase un método preventivo de protección que garanta a súa conservación inmediata. Rematada a intervención redactarase un informe valorativo que recollerá a síntese dos resultados da intervención.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, visitou estes días a zona xunto co arqueólogo que vai realizar os traballos arqueolóxicos.