Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O luns comeza o ciclo de cine "Butaca verde" coa proxección de "Home" (2009)

22/01/2010

O LUNS COMEZA O CICLO DE CINE AMBIENTAL E SOLIDARIO "BUTACA VERDE" COA PROXECCION DE "HOME" (2009)

 

O Concello de Tui, a través da Biblioteca Municipal, promove o  ciclo de cine ambiental e solidario "Butaca Verde", organizado polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), a través do seu Centro de Documentación Ambiental. Esta actividade oferta tres filmes diferentes de cine ambiental, que os interesados poderán contemplar no Telecentro de Tui os vindeiros días 25, 26 e 27 de xaneiro a partires das 19:30 horas.

 

Este ciclo comeza o vindeiro lúns 25 de xaneiro coa proxección do seguinte  filme:

 

"Home"; Yann Arthus-Bertran (2009). Home é unha oda á beleza do planeta e á súa delicada harmonía. A través de diferentes paisaxes captados desde o aire, e das consecuencias das accións do home nos seus ecosistemas, o documental pretende despertar en todos nós a conciencia necesaria para cambiar o noso modo de ver a Terra. Duración: 120'

 

En palabras do seu director e produtor: "Esta película pon de manifesto unha cuestión tan importante como é a da supervivencia. É demasiado tarde para ser pesimistas. Xuntos podemos seguir facendo cousas".

 

O martes poderemos contemplar "Oro negro" de Mark Francis e Nick Francis (2006) e o mércores o filme "El viaje del emperador" de  Luc Jacquet (2005).

 

O Concello de Tui anima a todos os interesados a participar nesta actividade de divulgación ambiental e que tenta provocar na cidadanía a reflexión necesaria sobre o noso estilo de vida e a adopción de condutas diarias máis sostibles e responsables con nós e co planeta. Ademáis, "Butaca Verde" é unha actividade de carácter gratuíto e de acceso libre ata completar o aforo do local.