O luns abre o prazo de solicitude de praza para o Campamento de Verán do Concello de Tui
Ofértanse 4 quendas con 140 prazas cada unha para nenos e nenas de 3 a 12 anos
O próximo luns, 18 de maio, abre o prazo de solicitude de praza para o Campamento de Verán 2026 organizado polo Concello de Tui co obxectivo de ofrecer unha alternativa lúdica, deportiva e educativa aos nenos e nenas de 3 a 12 anos, e por outra parte facilitar as familias unha opción de conciliación.
O campamento celebrarase en instalacións municipais e en espazos naturais durante os meses de xullo e agosto cun total de 560 prazas distribuídas en catro quendas de 140 prazas cada unha.
As quendas ofertadas son do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 3 ao 14 de agosto, e do 17 ao 31 de agosto. O horario será de 9 a 14 h, podendo aquelas persoas que precisen deixar aos nenos ou nenas dende as 7.45 h e recollelos até ás 15.15 h, debendo nese caso rexistrar na solicitude o uso de aula matinal ou sobremesa. O prezo por quenda e participante é de 30,56 €.
As persoas interesadas poderán presentar a solicitude xunto a toda documentación requirida entre o 18 e o 25 de maio, ben presencialmente no rexistro xeral de luns a venres de 9 a 14 h, ou a través da sede electrónica do Concello de Tui.
Poderán participar neste actividade os nenos e nenas con idades entre os 3 e os 12 anos empadroados no Concello de Tui, ou aqueles que non estean empadroados cuxo pai, nai, titor ou titora traballe ou posúa un negocio en Tui. Nas bases publicadas tanto na sede electrónica coma na web tui.gal pódese consultar a documentación requirida de forma obrigatoria, así coma a que de forma opcional se pode achegar de cara a baremación no caso de rexistrarse un maior número de solicitudes que de prazas ofertadas.
Co Campamento de Verán 2026 o Concello de Tui brinda un ano máis unha oferta de lecer e de conciliación durante as vacacións escolares.
2026 Campamentos Verán Tui - Condicións xerais de inscrición e participación





