Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O lúns abre o prazo de inscrición no Entroido de Tui, que recupera as "parodias"

22/01/2010

O prazo de inscrición é de 25 ao 29 de xaneiro

Tui aposta por recuperar o Entroido máis tradicional con "parodias"

Este ano ábrese a participación tamén a grupos

 

Venres, 22 de xaneiro de 2010. O Desfile de Entroido de Tui traerá este ano dúas importantes novidades con respecto a anteriores edicións. Segundo se recolle nas bases de participación por unha parte recupérase a participación de grupos que deberán ter entre 15 e 25 compoñentes, e que se suman ás comparsas que tradicionalmente veñen tomando parte no desfile. Por outra parte a Concellería de Cultura, organizadora do evento, busca recuperar o espírito do Entroido tudense que recreaba distintas parodias nas que  sátira e o humor estaban sempre presentes. Por iso este ano créase en premios a categoría de "Parodia" con tres premios de 200€, 100€ e 50€.

 

O prazo de inscrición para o Desfile-Concurso ábrese o próximo luns, 25 de xaneiro, e poderase facer ao longo só de cinco días, até o venres, 29 de xaneiro. Os interesados débense inscribir no Departamento de Cultura do Concello de Tui,  de 10 a 14 de luns a venres. É preciso cubrir impreso normalizado establecido para este fin e presentar fotocopia do CIF da Asociación ou NIF do particular, copia do DNI do representante da comparsa ou grupo, e certificado da conta bancaria. Establécese un máximo de 15 comparsas e de 10 grupos, que se inscribirán por orde de inscrición coa salvidade de que nunca unha comparsa ou grupo de Tui quedarán fóra da concurso. 

 

Comparsas - con máis de 25 compoñentes- e grupos - con entre 15 e 25 integrantes - competirán conxuntamente nas distintas categorías  optando na clasificación xeral a un primeiro premio de 800€, un segundo de 600€ e un terceiro de 400€. En carrozas establécense tres premios de 600€, 400€ e 200€, e para acompañamento musical a dotación dos premios de é de 400€, 200€ e 100€. Coma antes se sinalaba tamén se establece esta ano tres premio á Parodia que oscila entre os 200€ e os 50€.

 

Este ano establécense unha cantidade de 450€ que se repartirán, ou non, segundo o criterio do xurado en forma de accésits.

 

Amais dos premios establecidos as comparsas e grupos participarán recibirán pola súa presenza unha compensación económica que oscila entre os 75 e os 600€ en función de se son grupos ou comparsas, se levan ou no carroza, e se son de Tui ou foráneas.

 

O desfile celebrarase o martes 16 de febreiro, festivo local en Tui, ás 17.30h cun percorrido polo circuíto pechado establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda.

 

As comparsas e grupos para recibir tanto a asignación económica como os premios deben estar presentes na súa totalidade no Enterro do Bacallau que se celebrará o domingo 21 de febreiro dende ás 19.30h con saída da Praza de San Fernando.

 

As bases completas de participación pódense consultar nas web www.culturatui.info e www.concellotui.org así coma no taboleiro de anuncios da Casa do Concello e no Departamento de Cultura do Concello de Tui.