Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O lume de San Telmo e a man protectora do santo protagonistas do cartel das festas deseñado por Víctor Abundancia

8/03/2024

Os festexos patronais de Tui celebraranse do 30 de marzo ao 8 de abril

O tudense Víctor Aparicio Abundancia é o autor do cartel anunciador das festas de San Telmo deste ano 2024, que se van celebrar do 30 de marzo ao 8 de abril. O polifacético tudense, músico, deseñador gráfico, autor de sainetes teatrais, realizador de documentais e videoclips e autor de cómics asumiu con ledicia e satisfacción o encargo realizado polo Concello de Tui para deseñar a imaxe das festas patronais deste ano. 

Para levar adiante este deseño tan especial Víctor Aparicio indagou en distintas fontes e optou por empregar unha técnica que evoca o gravado antigo, aportándolle ao tempo unha perspectiva actual. Na súa realización mesturou o dixital e o analóxico.

Explica o autor que “o lume de San Telmo, ese fenómeno que produce incandescencias ou escintileos nas puntas dos mastros dos barcos, interpretouse, dependendo de épocas e lugares, como sinal de infortunio ou de todo o contrario”. Engade que “así de fráxil e cambiante adoita ser a vida da xente que se manexa no mar. Así de fráxil é tamén -noutra orde de cousas- a meteoroloxía de Tui nas súas festas”. Por iso sinala Víctor Aparicio que pensou que ese “lume de San Telmo” era  un excelente motivo para traballar no cartel das festas 2024”. Engade que “para darlle un carácter inequivocamente positivo e festexeiro, só tiven que incluír baixo o casco do barco a man protectora do santo, tal como aparece nas imaxes tradicionais e engadir luces de feira aos resplandores dos mastros”.

Víctor Aparicio, aínda que leva moitos anos afincado en Madrid, mantivo sempre a relación co seu Tui natal e con Galicia, onde ten desenvolvido distintos traballos artísticos. As festas de San Telmo formaron parte das viñetas que editou durante o confinamento plasmando de xeito gráfico os coches de choque característicos destes festexos na súa adolescencia. 

No mundo da música ten unha longa traxectoria que empezou nos anos 80 co grupo Los Coyotes. O seu último disco, “As Comarcais” é un exemplo de coherencia sonora en tránsito por estradas e ramais pouco frecuentados: cumbia, morna, calypso, mento etc.

Entre os seus últimos traballos están o cómic “Entresijos”, unha serie de pezas charlomusicais para o Museo Thyssen, un mural de rotulación urbana en Canido (Ferrol), ilustracións para varios números da revista “Telos”, as cabeceiras -animacións e música- para a serie “Poquita fe” de Movistar, a peza animada “Acordeón, de Viena a Burgos” para “Puente, encontros ilustrados” de Acción Cultural Española e, por suposto o cartel das Festas de San Telmo 2024 de Tui.

Dende o Concello de Tui optouse este ano por encargar a un deseñador do prestixio de Víctor Abundancia o cartel das festas tendo en conta a importancia que o mesmo ten coma elemento comunicador e de atracción destas festas declaradas de Interese Turístico Galego. 

A próxima semana darase a coñecer o programa festivo a celebrar entre o 30 de marzo e o 8 de abril.