Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O III Trofeo Cidade de Tui de MiniBTT reunirá o sábado en Tui a 250 nenos

9/07/2014

Martes, 8 de xullo de 2014. Este sábado, 12 de xullo, dende ás 17h celebrarase nas instalacións deportivas da Macoca, en Pazos de Reis, Tui o III  Trofeo Cidade de Tui de MiniBTT, organizado pola Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas de Tui e a Fundación Óscar Pereiro, en colaboración co Concello de Tui, a Entidade Menor de Pazos de Reis.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e o responsable técnico da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, Eduardo Fernández, deron a coñecer esta mañá os detalles desta competición na que participarán nenos entre os 4 e os 16 anos.

Eduardo Fernández, salientou coma en setembro do ano pasado na celebración da segunda edición deste evento participaron 175 cativos, unha cifra que agardan superar nesta ocasión chegando ao 250 deportistas, tendo en conta que haberá seis categorías, unha máis que en 2013.  O III Trofeo Cidade de Tui de MiniBTT forma parte do calendario de minibtt da Federación Galega de Ciclismo polo que participarán clubs de toda Galicia. Serán distancias cortas axeitadas ás idades dos cativos xa que obxectivo é que os nenos se acheguen ao mundo da bicicleta e se divirtan.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, aproveitou a ocasión para agradecer á Peña Ciclista Biciosos a súa colaboración nos eventos deportivos que se celebran na cidade así coma a organización deste Trofeo. Convidaba o rexedor tudense a achegarse o sábado ata a Macaco e disfrutar con este pequenos deportistas.