Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O II Torneo de Tenis da Eurocidade congregará ó redor de 170 tenistas nas pistas de Tui e Valença

24/09/2015

O torneo comezará mañá venres e alongarase ata o 11 de outubro, día onde terá lugar a final de tenis en Valença


 


Xoves, 24 de setembro de 2015. Dende mañá 25 de setembro e ata o 11 de outubro, terá lugar o II Torneo de Tenis da Eurocidade, que congregará ó redor de 170 tenistas semi-profesionais e afeccionados. Así o confirmaron o concelleiro de Deportes do Concello de Tui, Laureano Alonso, o vereador de Deportes de Valença, José Monte e o responsable técnico do Club Tenis Tui e do torneo, Pablo García.


 


O torneo está organizado polo Club Tenis Tui e disputarase nas pistas de tenis de Areas e de Valença. O horario dos partidos iranse establecendo en función da dispoñibilidade dos participantes.  A final está programada para o domingo 11 de outubro en Valença, onde se realizará tamén un torneo de minitenis para cativos.


 


Laureano Alonso, concelleiro de Deportes, incidiu que este torneo de tenis supón un exemplo de coordinación no eido deportivo entre as dúas cidades e quixo felicitar á organización pola iniciativa.


 


Pablo García, responsable do torneo, quixo subliñar o alto número de inscritos, xa que os 170 participantes duplican os números de participación dos torneos da zona. Segundo Pablo García, o éxito do torneo débese á marca da Eurocidade e do apoio dos dous concellos que forman parte da mesma, Tui e Valença.


 


Para rematar José Monte, vereador de Deportes da Cámara de Valença, resaltou o traballo dos organizadores, xa que sen o seu traballo non sería posible congregar ós colectivos de ámbalas dúas cidades, de dous países diferentes.