Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O GuillaFolk abre esta fin de semana a programación Tui,Verán na rúa

4/07/2024

Celebrarase no torreiro de festas de Guillarei co  VII Festival Folclórico e o IX Festival de Bandas

Comeza a programación “Tui, Verán na rúa” esta fin de semana coa celebración do GuillaFolk organizado pola Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei coa colaboración do Concello de Tui.

Mañá venres 5 e o sábado 6, Guillarei converterase no epicentro da música e da cultura tradicional coa celebración do GuillaFolk, co VII Festival Folclórico e o IX Festival de Bandas. O evento terá lugar no Torreiro de Festas de Guillarei e ofrecerá unha ampla variedade de actividades para todos os públicos.

Tanto mañá venres coma o sábado os máis pequenos poderán gozar con inchables e xogos populares a partir das 20 h. Tamén haberá exposición e postos artesanais.

Mañá venres, ás 22 h, comezará o VII Festival Folclórico coa actuación do grupo folclórico Lembranzas da Terra de Guillarei e o Grupo de Baile Erasmo Hernández de Gran Canaria. Ao remate estará en concerto o grupo Algo pasa con Mery.

Mentres o sábado ás 12 h na praza de San Fernando terá lugar a benvida por parte do Concello de Tui ás agrupacións participantes no IX Festival de Bandas. Unha hora despois, ás 13 h, xa no torreiro de festas, actuará en sesión vermú Terapia de Grupo. Nesta xornada haberá tamén unha MasterClass de baile tradicional. Ás 22 h comezará o festival no que participarán a Banda de Gaitas Lembranzas da Terra, a Banda de Gaitas A Insua de Caldelas e Donicelas. Pechará as actuacións o grupo Storrentos

O GuillaFolk será esta fin de semana unha cita ineludible para os amantes da música e da cultura tradicional.