Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O grupo de teatro Chévere presenta “Citizen I (Maioría Silenciosa). Será este venres ás 21.30h no Teatro Municipal

1/02/2012

Este venres, ás 21.30h, o grupo de teatro Chévere presenta no Teatro Municipal de Tui “Citizen I (Maioría silenciosa). Con esta representación comeza a programación cultural do primeiro semestre do ano neste espazo escénico.

“Citizen 1” é a primeira parte dun proxecto de investigación teatral no que a compañía santiaguesa pon en práctica novos procesos de traballo e produción, combinando unha aposta la investigación teatral coa necesidade de obter uns resultados cara ao público.  O proxecto está formado por tres partes, sendo cada unha consecuencia e continuación da anterior, e ao final a súa suma conforma un novo espectáculo.

Esta primeira parte está baseada no clásico de Orson Welles “Ciudadano Kane”, e conta a historia dun empresario galego do téxtil que se converte nunha das persoas máis ricas do mundo. Deste xeito “Citizen 1” nos sitúa no momento iniciático de toda gran aventura. Pero tamén, ao longo dos 75 minutos que dura, nos achega á historia da transición española.  A obra está dirixida por Xesús Ron e interpretada por Patricia Lorenzo e Manuel Cortés.

Chévere tense convertido nos seus vinte e cinco anos de existencia, nunha das compañías galegas máis dinámicas e populares, sempre co humor como filosofía e a risa como expresión. Dende 1992 xestiona e dirixe a Nave de Servizos Artísticos-NASA en Santiago de Compostela.

As entradas para este espectáculo están xa á venda, ata o venres ás 13h, na web www.culturatui.info, ou o venres dende ás 20h no despacho de billetes ao prezo de 5€ e 3€.

 

Grupo Chévere con “Citizen 1 (Maioría Silenciosa)”

Data: Venres 3 de febreiro ás 21.30h

Lugar: Teatro Municipal de Tui

Venda de Entradas: na web www.culturatui.info ata o venres ás 13h, ou o venres dende ás 20h no despacho de billetes

Prezos: 5€ e 3€.