O grupo de participación infantil e xuvenil, Partuicipando, reúnese este xoves
Será ás 17 h no edificio Francisco Sánchez para elaborar propostas de actividades de verán
O grupo de participación infantil e xuvenil de Tui, Partuicipando, reunirase este xoves, 7 de marzo, ás 17 h no edificio Francisco Sánchez. O obxectivo do encontro será continuar elaborando propostas que trasladarán ao concello, nesta ocasión con motivo das actividades de verán.
O grupo Partuicipando ten por obxectivo sumar as ideas, visións e propostas das nenas, nenos e adolescentes para conseguir unhas actuacións máis inclusivas e adaptadas ás necesidades e gustos da poboación máis nova do concello, dando cumprimento así ao seu dereito a ser escoitados e tidos en conta.
Este grupo está aberto á participación das nenas, nenos e adolescentes de Tui, que con idades entre os 10 e os 17 anos, podendo incorporarse as persoas interesadas en calquera momento do ano.
A participación infantil ten como beneficios contribuír ao desenvolvemento e autonomía persoal da infancia e a adolescencia, así como potenciar as súas capacidades e favorecer a súa identificación como cidadáns de pleno dereito.
Cómpre lembrar que Tui conta con representación no CAIA, Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, un órgano de carácter consultivo que ten por obxectivo achegar as súas propostas ao goberno da Xunta de Galicia.
Os nenos, nenas e adolescentes interesados en participar ou acadar máis información poden contactar co teléfono 604 086 970.