Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O grupo de Facebook Camino Portugués.Tui acada os 12 mil membros

10/06/2026

O grupo en inglés Camino portugués from Tui  supera os 9.500

O grupo “Camiño Portugués. Tui”, na rede social Facebook, promovido polo Concello de Tui dende xullo de 2020, acadou estes días a cifra de 12.000 membros activos. É un número de récord no mundo das redes sociais xa que se trata dun grupo centrado nunha soa ruta e nunha cidade dela.

A media de visitantes diaria superou todo o inverno  as seiscentas persoas, subindo entre o 31 de marzo e o 31 de maio a preto de mil. Mesmo algún post chegou aos 40.000 (sen intervención de bots ou robots que falsifican os datos numéricos). O perfil de membros é maioritariamente feminino, o que concorda co propio Camiño Portugués, onde a presenza de mulleres é moi alta.

Trátase un grupo de servizos e axuda e orientación ao peregrino, non tanto de debate, aínda que non se rexeita especialmente no que atinxe ao carácter histórico deste Camiño Portugués fronte a outras rutas carentes desa dimensión. Ten como compromiso prestar especial atención ao tramo Porto-Santiago, tanto vía Ponte de Lima como vía Caminha e Valença.

Este grupo xurdiu co obxectivo de cubrir unha das eivas que se detectaban na promoción da ruta xacobea ao seu paso pola nosa cidade de Tui e a súa escasa presenza nas redes sociais, especialmente en Facebook, a máis empregada no ámbito da peregrinación. Un dos datos máis interesantes é a fidelidade dos amigos ou seguidores deste perfil de Facebook que non se dan de baixa, seguramente por ser un grupo de axuda e expositivo para os peregrinos.

Por outra banda, o grupo Camino Portugues from Tui, exclusivamente en inglés e xa que logo pensado para a multitude de peregrinos doutros países que  percorren este itinerario xacobeo, funciona dun xeito moi satisfactorio, con máis de 9.500 membros, superando amplamente as expectativas coas que foi creado.

Para a concelleira de Turismo, Ana Núñez Álvarez, estas cifras poñen de manifesto  o éxito destas iniciativas de promoción da cidade tudense, a través das redes sociais, como a porta de entrada dos Camiños Portugueses en Galicia e  teñen respondido aos obxectivos para os que foron creados: ofrecer información fiable e concreta sobre a nosa cidade para todos os usuarios e usuarias interesadas no Camiño Portugués e contribuír deste xeito ao posicionamento de Tui como referencia central das rutas de peregrinación xacobeas de Portugal.