Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O goberno municipal ve con preocupación o bloqueo da oposición para mellorar as condicións de limpeza e condicións de vida nos veciños

29/12/2016

O goberno municipal de Tui ve con preocupación o bloqueo realizado no pleno extraordinario celebrado onte por parte da oposición a dous puntos que mellorarían as condicións de limpeza no municipio e de vida dos veciños. En concreto foron rexeitados, ao votar en contra todos os grupos da oposición, os pregos de licitación do servizo de limpeza viaria do Concello de Tui, así coma aprobación inicial da Ordenanza contra a Contaminación Acústica.

O goberno municipal aposta pola licitación do servizo de limpeza viaria cun dobre obxectivo. Por unha banda para solucionar a actual situación irregular na que se presta o servizo, xa que o contrato data de 2006 e tiña unha duración de 4 anos,  e por outra mellorar as condicións de limpeza no municipio tanto no casco urbano coma nas parroquias contemplando actuacións que ata o de agora non se realizaban.  O importe do contrato que figura nos pregos é de 227.712,16€ anuais cunha periodicidade de 4 anos prorrogables durante un período de dous anos máis.  O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explica que aínda que o importe da licitación é superior ao actual contrato realmente non se produce un gran incremento no custe do servizo xa que hai traballos de limpeza que arestora non están recollidos pero si se realizan e que teñen que ser aboados levantando os reparos de intervención. O obxectivo segundo Enrique Cabaleiro é buscar a limpeza e a excelencia nos servizos públicos do municipio tendo en conta a vocación comercial e turística da cidade.

Por outra parte no que se refire á ordenanza contra a Contaminación Acústica co novo texto búscase cumprir o establecido pola lei nesta materia, xa que a ordenanza existente non se adapta á normativa en vigor.  A nova ordenanza daría resposta as necesidades actuais do municipio e sería o primeiro paso de cara á elaboración de mapas e zonas de ruídos, que pola súa importancia medioambiental, patrimonial... teñan que ter especial protección acústica. No amplo texto recóllese o desenvolvemento técnico da ordenanza e detállanse aspectos específicos coma por exemplo a insonorización de novas edificacións.  O fin último é a conciliación do dereito ao descanso da poboación con outras actividades que poden xerar ruídos, e ter un municipio con calidade medioambiental tamén no que se refire ás condicións acústicas.  

Dende o equipo de goberno consideran que sacar adiante este dous temas é imprescindible polo que buscarán puntos de encontro e consenso cos grupos da oposición que permitan volver levar a pleno tanto os plegos para a licitación da limpeza viaria coma a ordenanza contra a contaminación acústica nas próximas semanas.