O folclore de Costa de Marfil, Arxentina, Brasil e Macedonia protagoniza a Noite Internacional do Miño
Celebrarase o próximo martes 29, ás 21.30 h, no Parque do Laxal en Rebordáns
O folclore de Macedonia, Costa de Marfil, Arxentina e Brasil, protagonizará o próximo martes, 29 de xullo, ás 21.30 h a Noite Internacional do Miño no parque do Laxal en Rebordáns. Este evento, organizado pola Escola de Baile Música San Fins, forma parte da programación cultural do verán en Tui.
Dende a cidade de Santa Rosa, en Arxentina, chega o Ballet Calden Gaucho, formado por unha trintena de persoas de distintas provincias arxentinas. O seu repertorio inclúe danzas típicas e tradicionais de todo o país con malambo, tango ou boleadoras. Teñen participado en importantes festivais no seu país, pero tamén en Corea do Sur, Grecia, México, Portugal e España.
Participará tamén na Noite Internacional do Miño o Centro Cultural Vila Batalhão de Brasil. Esta formación creouse en 2023 constituíndose nun espazo de preservación e celebración das danzas tradicionais do Nordeste brasileiro. Téñense dedicado á procura e á ensinanza das manifestación folclóricas do nordeste brasileiro, garantindo que as futuras xeracións continúen a valorar as súa raíces cultural. A través da danza e a música tradicional transmite os costumes e saberes populares, en actuacións cheas de corido como se poderá comprobar o martes o parque do Laxal.
Dende Costa de Marfil chegará a Tui a Compañía Artistica Mien-Moh, un dos principais grupos folclóricos do país. O esplendor dos seus traxes, o dinamismo, e a disciplinan dos seus membros quedan reflectidos nas súas actuacións. Son numerosas as actuacións no seu país entre as que destaca a cerimonia de apertura da Copa Africana de Nacións en 2024. Cada ano viaxan a Europa para actuar en países coma Bélxica, España e Portugal. O seu repertorio inclúe, entre outras composicións, a danza Zaouli, que forma parte do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade recoñecido pola UNESCO, na que empregan entre outros o balafón, un instrumento de percusión melódica, similar a un xilófono. Os seus bailes caracterízanse por pasos moi rápidos e baixos.
A Noite Internacional do Miño contará tamén coa participación do Ensemble Nikola Vapcarov, de Macedonia, que foi fundado en 1978 nos arredores de Skopje para preservar, valorizar e promover o folclore tradicional macedonio. O grupo é un referente cultural en Macedonia do Norte presentando un amplo repertorio de danzas, música e traxes rexionais de varias rexións do país. A súa presenza é habituación en festivais nacionais e internacionais, como será o caso do próximo martes na Noite Internacional do Miño.
O parque do Laxal converterase así, un ano máis, coa celebración da Noite Internacional do Miño, no escaparate do folclore máis internacional.