Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O festival Vértixe Sonora ofrece este xoves en Tui o concerto “Oficio de armas” sumándose as conmemoracións do 450 aniversario da Batalla de Lepanto

26/10/2021

Será ás 20 h na igrexa de San Domingos  coa estrea mundial de tres obras para cuarteto e trío de cordas.

A igrexa de San Domingos acollerá este xoves, 28 de outubro, ás 20 h o concerto “Oficio de Armas” da man do festival Vértixe Sonora 2021.  Este evento musical forma parte das actividades conmemorativas do 450 aniversario da batalla de Lepanto organizadas polo Concello de Tui. Trátase dun xeito inmellorable de dar a coñecer e proxectar de cara ás vindeiras xeracións o fermoso retablo de A Nosa Señora do Rosario, magnífica táboa que acolle a igrexa monacal conventual de San Domingos de Tui.

 

Neste concerto Vitor Vieira, violín; Ana Carmen Sánchez violín; Sérgio Sousa, viola e Hugo Paiva, violoncello, interpretarán obras de Ramón Otero, Djordje Markovic, Miguel Azguime, Alberto Carretero realizándose a estreas mundial de tres obras para cuarteto e trío de cordas.

 

Alberto Carretero achégase da man de Emilia Pardo Bazán, aos sutís procesos psicolóxicos da sensibilidade feminina en “O encaixe roto”; o compositor serbio Djordje Markovic subliña en “Proximidade” aspectos relacionados co ruído e a alienación que pasan inadvertidos na experiencia cotiá. Pola súa banda Otero Moreira homenaxea o noso patrimonio natural no seu novo traballo: “Solitarias infindas as sequoias”. Preséntase “Oficio de armas: o fragor da batalla, a paisaxe calma, e un mundo sen homes”; tres imaxes complementarias da guerra e as súas consecuencias. Completa o programa  “Point Vermeil” (2021) para violín só e electrónica do compositor portugués Miguel Azguime.

O Concello de Tui agradece a iniciativa dos promotores do festival de sumarse a esta celebración cun concerto de tan alta calidade.

Para acudir ao concerto é preciso reserva previa en http://vertixesonora.net/es/evento/lepanto/

 

Programa do concerto “Oficio de Armas”

  • RAMÓN OTERO MOREIRA (A Coruña, España) Solitarias infindas as seqoias* (2021) para cuarteto de cordas amplificado
  • DJORDJE MARKOVIC (Serbia) Proximidade* (2021) para trío de cordas amplificado
  • MIGUEL AZGUIME (Portugal)  Point Vermeil (2021) para violín só e electrónica
  • ALBERTO CARRETERO (Sevilla, España) O encaixe roto* (2021) para cuarteto de cordas

 

*Estrea mundial

VERTIXE SONORA Vitor Vieira, violín | Ana Carmen Sánchez violín | Sérgio Sousa, viola | Hugo Paiva, violoncello

Programa

Reserva Entradas