Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Festival Minho Tranfronteiriço pecha mañá o MUMI

30/09/2022

O III Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal chega á súa terceira e última xornada de traballo con varias citas para os axentes da industria musical: 1 faladoiro, 2 showcases, un espectáculo de animación na rúa e un festival que dará visibilidade a catro bandas emerxentes do territorio transfronteirizo.

Despois de tres xornadas de encontros entre programadores, axencias e artistas, o mercado das Músicas no Minho prepara a programación prevista para pechar esta terceira edición, que se afianza na Eurocidade Tui-Valença, e que comeza a gañar músculo coa participación de máis de 200 axentes das institucións públicas e das empresas culturais de Galiza e Portugal, que por fin contan cun espazo de encontro onde poñer en común propostas, inquedanzas e necesidades.
  
Así será a última xornada do MUMI
Mañá sábado o programa arrancará na Academia de Música de Valença co último faladoiro previsto para esta edición, que se centrará en coñecer Proxectos transfroiterizos Galiza-Portugal (11:00 GZ, 10:00 PT), con exemplos inspiradores dos dous países, que falarán do desafío de traballar en común entre os concellos da raia galego-portuguesa a partir das súas experiencias. A mesa contará coa participación de Jaime Torres, director do Festival Cultural Convergências Portugal Galiza; Andrea González, pianista e directora do festival IKFEM; Cristina Marvão e Diego Alonso (saxofonista), directora e director artístico respectivamente da Asociación Luso-Galaica Eixo do Jazz; e estará moderada polo antropólogo e músico, Napoleão Ribeiro.
 
A continuación, na carpa instalada no Jardim Municipal de Valença, vanse celebrar os showcases da proposta portuguesa educativa e experimental Space Ensemble (12:00H GZ – 11:00H PT), o proxecto galego de música para público familiar Golfiños (12:45H GZ – 11:45H PT) e o espectáculo de animación de rúa a cargo da fanfarria das Brassica Rapa, con dous pases (12:30H GZ – 11:30H PT / 13:15H GZ - 12:15H PT).
 
Música dos territorios transfronteirizos para o peche
Pola tarde (19:00H GZ - 18:00H PT), O Festival Rio Minho Transfronteiriço (AECT Río Minho), porá o peche a esta 3ª edición con catro concertos de bandas da zona transfronteiriza, dúas de Galicia e outras 2 de Portugal, escollidas entre as que se candidataron para actuar no MUMI pero que non foron seleccionadas para os showcases oficiais: Helen&Shana, Jasper, Rockin´Gina and The Sentinels, e Rackam. Aínda que algunha delas xa ten certo percorrido, son bandas da escena emerxente, para as que este festival, enmarcado no encontro profesional MUMI, é unha gran oportunidade. Con esta iniciativa, o MUMI pretende xerar un retorno na comunidade onde se celebra o encontro e achegar un valor engadido ás iniciativas locais en materia de música. Será ás 18:00h PT / 19:00h GZ no Paseo da Corredoira de Tui.
 
Helen & Shanna é unha banda de folk pop da Guarda, o último municipio ao sur de Galicia, mirando sempre aos seus veciños portugueses de Caminha. As súas cancións son instantáneas do momento que viven, como o seu novo single, “Carmo 22”, un tema que os conduce a un novo destino, unha historia persoal, magnética, das que marcan, optimismo e escuridade nunha canción chea de ritmo que camiña entre unha atmosfera envolvente.
 
Rackham, é unha banda radicada no municipio portugués de Monção. Os seus temas evidencian unha composición que deriva do rock progresivo, pero que ten tamén a capacidade de mesturar diversos rexistros musicais e estéticos, que van desde o pop-rock máis alternativo e experimental, pasando pola psicodelia ambiental e finalizando en sonoridades máis pesadas que afloran a densidade pechada do metal. No medio de todo isto hai partes de música surf que nos transportan a universos cinematográficos de Tarantino, e ata algún free-jazz impactante.
 
Rockin´Gina and The Sentinels é unha banda clásica de rock and roll formada no 2011 no municipio do Porriño, moi preto da cidade de Vigo. Beben dos sons máis puros dos anos 50 e no seu repertorio nótase a influencia das grandes voces femininas como Wanda Jackson, Janis Martin ou Brenda Lee, entre outras, contando tamén con temas propios pegadizos, moi bailables e cheos de enerxía. Do rockabilly ao blues e country, Rocking Gina & The Sentinels lévannos de viaxe aos tempos nos que a música se gravaba en directo e era para bailar. A voz desgarradora de Rockin´Gina acompáñase da guitarra de David Lemos, o contrabaixo de Klauss Villarro e a batería de Germán López.
 
Jasper é unha banda de mozas e mozos recentemente formada no municipio de Valença, que chega ao festival disposta a sorprendernos cun repertorio pop-rock que bebe de influencias que van desde as bandas clásicas do rock portugués como Xutos e Pontapés ata sonoridades máis alternativas como Artic Monkeys.
 
O Festival Rio Minho Transfronteiriço está impulsado pola AECT Río Miño (Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño), que é un instrumento de cooperación, con personalidade xurídica propia, integrada pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. A AECT ten por obxectivo lograr a máxima cohesión económica e social da rexión transfronteiriza do val do Río Miño a través da posta en marcha de programas, proxectos e accións comúns entre os territorios galego e portugués. O ámbito de intervención do proxecto comprende 26 municipios: 16 galegos (A Cañiza, A Guarda, Arbo, As Neves, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, O Porriño, O Rosal, Oia, Ponteareas, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tu); e 10 portugueses (Arcos de Valdevez, Caminha, Melgaço, Monçao, Paredes de Coura, Ponte da Barca, Ponte de Lima, Valença, Viana do Castelo e Vila Nova de Cerveira).
 
O MUMI está patrocinado pola Eurocidade Tui-Valença, a Direção Regional de Cultura do Norte, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, a AECT Rio Minho, a Fundação GDA e Bodegas Martín Códax.