Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O estudo realizado por Alfonso Ferreira constata que non están a ser computados os peregrinos que chegan a Tui polo Camiño da Costa

7/04/2025

O ano pasado realizou 4.324 enquisas no Camiño Portugués ao seu paso polo municipio

O investigador tudense Alfonso Ferreira presentou hai uns días o estudo que realizou, ao pé do Camiño Portugués, nos meses de febreiro, maio, agosto e novembro de 2024. Foi no espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela coa presenza de máis de sesenta persoas. 

O acto contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quen se referiu a Alfonso Ferreira coma un “excepcional peregrino”. No acto interviron tamén o historiador tudense e técnico municipal, Rafael Sánchez Bargiela, e a poeta Sonia Melón que deu lectura a dous poemas, un deles dedicado precisamente a Alfonso Ferreira. 

Coa súa minuciosa investigación estatística Alfonso Ferreira ven de evidenciar que numerosos peregrinos que chegan a Tui polo Camiño da Costa dende Caminha, Vila Nova de Cerveira e Valença, non están a ser computados nas estatísticas oficiais co seu paso por Tui. 
Alfonso Ferreira realizou a súa investigación sociolóxica en dous puntos, a Virxe do Camiño e  a Ponte das Febres, baseando o seu traballo en dous eixos: o cómputo dos peregrinos e por outro na realización dunha enquisa.  

Neste traballo, no que atinxe ao fluxo de peregrinos nestes catro meses contabilizou un total de 39.546 (871 en febreiro, 14.693 en maio, 21.970 en agosto e 2.012 en novembro) o que suporía unha cifra anual de 118.638 peregrinos. A Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago entregou no ano pasado 93.176 “Compostelas” a peregrinos do Camiño Portugués (central), o que estaría en liña cos estudos que indican que sobre un 25% dos peregrinos non recollen a “Compostela”.

Por outra banda, o estudo aborda as conclusións das 4.234 enquisas realizadas, integradas por 18 apartados que recolle aspectos que definen as características dos peregrinos que pasan por Tui. Así o 56% son mulleres e o 44% son homes. Os principais segmentos de idade: 20-40 e de 40-60 anos, e o  73,5% conta con estudios superiores

Alfonso Ferreira contabilizou peregrinos de 73 países. Os estranxeiros son maioritarios (57,5%) e proceden principalmente de Portugal, Alemaña, Italia, USA, Reino Unido, Brasil, Chequia, Australia, Canadá, Holanda Polonia ou Irlanda. En canto aos españois proceden especialmente de Andalucía, seguidos de Madrid, Valencia ou Cataluña.

Destes enquisados 3.532 (84%) realizan o Camiño Portugués (central) e 702 (16%) chegan a Tui a través do trazado oficial en Portugal do Caminho Portugués da Costa (Viana – Caminha – Valença). Nas motivación está a espiritual como maioritaria (49,8%) seguida da cultural, deportiva e relixiosa. O tipo de aloxamento escollido é maioritariamente un albergue privado (58,9%), seguido dos albergues públicos e os hoteis. A gran maioría dos peregrinos enquisados (2.357) fan oacompañados por ata tres persoas, 966 camiñan sos e o resto en grupo. O 74,9% levan a súa propia mochila as costas.

Por outra parte a inmensa maioría dos peregrinos enquisados afirman ter coñecido este Camiño Portugués de Tui grazas ao “boca a boca” baseado na recomendación de amigos ou doutros peregrinos, sen desbotar o uso de internet ou guías, etc. A gran maioría dos enquisados visitaron Tui na súa estadía (unicamente un 9% non) e ata 2.483 dos persoas que responderon a enquisa afirman que volverán de novo a visitar Tui, ben como peregrino ou turista.

As conclusión deste traballo de Alfonso Ferreira cuestionan directamente os datos estatísticos ofrecidos pola Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago, pois como evidencian os datos recollidos directamente dos peregrinos un 16% chegan a Tui polo trazado oficial portugués do Caminho Portugués da Costa, e nas estatísticas referidas son sumados aos peregrinos que realizan o trazado por A Guarda e Vigo, polo que o número de peregrinos que se computan no Camiño Portugués ao seu paso por Tui cómpre que sexa incrementado, como mínimo nese 16%, que a súa vez debe ser minguado nos números atribuídos ao trazado galego do Camiño Portugués da Costa. Alfonso Ferreira, segue afirmando no seu estudo, que con estes imprescindibles axustes, se nos di ás claras que de momento o número de peregrinos que parten/pasan por Tui é aproximadamente o dobre dos da Costa (no seu trazado por A Guarda – Vigo).

A concelleira de Turismo tudense, Ana María Núñez, felicita e agradece a Alfonso Ferreira este traballo que documenta o que se viña sospeitando: o notable incremento de peregrinos que realizan o trazado portugués do Camiño Portugués da Costa que dende Caminha chega pola beira do río Miño ata Valença dende a oficialización desta ruta. E coincide con Alfonso Ferreira na necesidade de dirixirse á Oficina do Peregrino da catedral de Santiago para que axusten o seu método de conteo  á nova realidade do trazado oficial en Portugal do Camiño Portugués da Costa, que conflúe en Valença e Tui, onde se une ao Camiño Portugués, tamén denominado central.

Finalmente, a edil tudense congratúlase da altísima satisfacción dos peregrinos na súa estadía en Tui que os anima a repetir a visita e a recomendala a todos os seus achegados, testemuñando a hospitalidade da nosa cidade e a calidade dos seus recursos de patrimonio cultural e paisaxístico