Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O espectáculo musical “Estrela” encherá de maxia o Nadal de Eurocidade

5/12/2024

Será o sábado 21 deste mes ás 21.30 h ES no Teatro Municipal de Tui

O espectáculo musical “Estrela” encherá de maxia o Nadal da Eurocidade Tui-Valença o próximo sábado, 21 de decembro, ás 21.30 h ES no Teatro Municipal de Tui.

A Cámara de Valença e o Concello de Tui, que conforman a Eurocidade, reforzan un Nadal máis a unión entre ambos municipios a través da música.

“Estrela” é un espectáculo musical que mergullará ao público na apaixonante historia de tres Reis que, tras seguir unha luz, encontran un neno cuxa chegada simboliza unha nova esperanza para a humanidade.  No corazón de Estrela está unha mensaxe atemporal: a importancia de seguir á luz da esperanza, mesmo nos momentos máis escuros, e celebrar o espírito do Nadal deixando que esa luz guíe tamén os nosos propios camiños.

Serán preto de 80 músicos de 4 formacións das dúas beiras do Miño os que participen neste espectáculo. Sobre o escenario do teatro tudense estarán o grupo de jazz Jazzitive; o Coro da Academia de Música de Valença, dirixidos  por Joao Azevedo e acompañados polo pianista Antonio Kent Queener; o grupo de danza Dance Sen Fronteiras de Valença; e coro Mistura Vocal con 37 cantoras e cantores dirixidos por Aloia Martínez.  “Estrela” conta coa dirección técnico-artística de Eva García e Juantxo García e a dirección musical de Aloia Martínez.

Este evento será unha experiencia sensorial que fusiona tradición e modernidade, e promete tocar o corazón de todas as persoas os asistentes, enchendo de maxia o teatro tudense e iluminando este Nadal.

As entradas para “Estrela” poranse á venda o próximo luns, 9 de decembro, nas webs tui.gal e cm-valenca.pt aos prezos de 7€ e 5€.