Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O domingo 31 de decembro celebrarase a II San Silvestre Solidaria de Tui

28/09/2023

O Concello de Tui e o Club Atletismo Tui organizarán esta segunda edición, de novo a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro

Tralo éxito do ano pasado, no que participaron máis de 500 persoas, o Concello de Tui e o Club Atletismo Tui traballan xa na organización da segunda edición da San Silvestre Solidaria, que terá lugar o domingo 31 de decembro, a partir das 10.30 h, dende o Paseo da Corredoira de Tui.

A semana pasada o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, reuniuse co coordinador territorial da Asociación Española contra o Cancro, AECC, Telmo Crespo e coa delegada no Baixo Miño, Pilar Barbosa, confirmando que, como na edición pasada, a proba celebrarase a beneficio desta entidade. A AECC realizou en 2022  máis de 500 intervencións no Baixo Miño, e máis de 300 no primeiro semestre do 2023, axudando a pacientes e familiares cos seus servizos gratuítos.

En palabras de Telmo Crespo, estar presentes nesta proba non so implica a posibilidade de seguir investindo en investigación grazas á recadación solidaria dos participantes, se non tamén dar visibilidade ao labor que realizan de forma gratuíta no Baixo Miño e axudarlles na busca de voluntarios.

Pola súa parte, o concelleiro de Deportes lembrou que o ano pasado a proba foi un    éxito de participación e organización. Amosou  a súa intención de seguir colaborando coa asociación nas seguintes edicións.

As inscricións para a II San Silvestre Solidaria poderán realizarse entre o 1 e o 28 de decembro na páxina web do Club Atletismo Tui. A carreira contará tamén cunha parte lúdica xa que ao remate  do evento haberá chocolate quente e rosca, e ás 12 h tomaranse as uvas na praza da Inmaculada.