Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O documento do PEPCHA, aprobado inicialmente, exporase ao público durante dous meses

2/04/2012

O alcalde e o concelleiro do Conxunto Histórico deron hoxe conta da tramitación a seguir

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro do Conxunto Histórico, Nicolás Lorenzo, e un técnico da empresa OTEA, Manuel Ángel López, compareceron esta mañá en rolda de prensa para dar conta da recente aprobación inicial do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico o pasado mércores, 22 de marzo, pola Xunta Local de Goberno.  Na rolda de prensa desta mañá deuse conta da tramitación a seguir de agora en diante e da próxima exposición pública tras a publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia.

 

Segundo expuxeron hoxe o alcalde e o concelleiro do Conxunto Histórico, durante dous meses o PEPCHA poderá consultarse tanto na oficina que o concello abrirá posiblemente no edificio da Área Panorámica, e que dous días á semana será atendida por un técnico do equipo redactor, coma ao través da web do concello onde estará accesible. Nese tempo os veciños e afectados poderán presentar as alegacións que consideren oportunas no rexistro de entrada do concello.

 

O Plan que agora que someterá a información pública, dentro da súa tramitación deberá contar tamén con informes sectoriais que foron xa solicitados as correspondentes administracións. Tras examinar as alegacións presentadas, o informe preceptivo da Consellería de Cultura, e demais informes sectoriais, o concello procederá a súa aprobación provisional, e será entón cando solicite o informe preceptivo á Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas. Unha vez conte con este documento poderá ser aprobado xa de xeito definitivo polo pleno do  Concello. A vontade do equipo de goberno de Tui é completar todos estes trámites antes de que remate este ano,  tal e coma avanzaron na rolda de prensa celebrada esta mañá para a presentación desta aprobación.

 

O concelleiro do Conxunto Histórico, Nicolás Lorenzo, explicou que “este era un día feliz para a súa concelleira e importante para a cidadanía” porque se pon “a primeira pedra dun dos compromiso máis importantes do equipo de goberno para o conxunto histórico”, tamén avanzaba que non será o único porque está xa moi avanzado o proxecto para peonalización desta zona da cidade. E solicitaba “a colaboración e compromiso dos cidadáns de Tui con este PEPCHA, que está realizado coa pretensión de conservar e potenciar o conxunto histórico, e por iso buscaron afectar só o imprescindible para manter o equilibrio no conxunto histórico cunha visión ampla e flexible das actuacións a desenvolver”.

 

Apuntaba que o PEPCHA ten tres premisas básicas: seguridade xurídica, transparencia e accesibilidade, algo que apuntaba se verá nos dous meses de exposición ao público. Remataba sinalando que o PEPCHA está feito coa pretensión de conservar e potenciar o conxunto histórico, entendido non só como un legado cultural, senón coma un elemento básico para o desenvolvemento de todos dende unha perspectiva sostible”.

 

Pola súa parte o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, explicaba que o obxectivo da presentación da hoxe é informar á cidadanía de que o PEPCHA vai estar exposto durante dous meses, tempo que consideran suficiente, xa que tamén se vai notificar persoalmente a todos os propietarios desta zona. Indicaba que buscan dar a maior información e transparencia nesta tramitación para que todo o mundo poida dar o seu parecer. Nese senso manifestaba que agardan a maior participación tanto dos grupos da oposición como da propia cidadanía para que “sexa un plan de todos”.

 

Sinalaba, o mandatario tudense, que Tui está pondo as primeiras pedras para pór en valor o conxunto histórico e para protexelo.  Indicaba que “o Plan de Protección é fundamental porque non se pode permitir que o legado histórico que recibimos se siga deteriorando, e as intervencións deben ser acorden cun planeamento”.

 

Pola súa parte o técnico da empresa OTEA, encargada da redacción do PEPCHA, Manuel Ángel López, explicou a tramitación a seguir na aprobación deste documento e as partes das que consta.

 

O PEPCHA ten como ámbito a zona histórico artística e a zona de respecto. Se zonifican estes espazos en canto a cualificación arqueolóxica, e outras de interese que son intramuros, extramuros, Corredoira, Santo Domingo, San Bartolomé e o Ensanche, contemplando distintos niveis de catalogación: integral, estrutural, tipolóxico e ambiental.  Explicaba que cada elemento terá unha ficha con datos descritivos, o nivel de afectación, o de catalogación e as normas de aplicación no mesmo.

 

O Plan recolle amais unha serie de posibles actuacións a realizar. Por unha parte a nivel patrimonial contempla inicialmente a proposta de recuperación do Teatro Principal e do Baluarte do Diaño.  Tamén contempla un total de 362 prazas aparcamento na contorna do Conxunto Histórico, e a creación de accesos públicos ao Paseo de Ronda e completar o trazado do Paseo Fluvial.

 

Explicaba tamén este técnico que o Plan marcará o que se pode ou non se pode facer no Conxunto Histórico, sendo xa o concello quen outorgará directamente as licenzas, reducindo así o prazo para a súa concesión.

 

O concello de  Tui conta cunha subvención  para  os traballos de redacción do Plan especial do Casco Histórico- PEPCHA da Consellería de Medio ambiente, Territorio e Infraestructuras da  Xunta de Galicia, o abeiro da orde de 02-03-2010 que regula a concesión de subvencións  os concellos de Galicia para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico. 

 

Data de publicación no DOGA: 10 de Abril de 2012

 

Certificación aprobación inicial PEPCHA

 

Edicto aprobación inicial PEPCHA