Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O desenvolvemento nos territorios fronteirizos, a debate na Eurocidade de xoves 24 a sábado 2 de Maio

23/05/2012

Organizadas por RealCode, que agrupa a quince universidades de Europa e América Latina

As cidades de Valença e Tui acollerán esta semana unha reunión de expertos universitarios en Comunicación e Desenvolvemento, con especial atención ás rexións fronteirizas.

Jorge Salgueiro Méndes e Moisés Rodríguez Pérez, alcaldes da recentemente formada Eurocidade Tui/Valença, inaugurarán de xeito oficial as xornadas  mañá 24 de Maio, na Biblioteca Municipal de Valença. Na primeira das intervencións, o Secretario Técnico do Proxecto Eurocidade Chaves/Verín, Pablo Rivera, achegará a experiencia da primeira Eurocidade constituída entre Galicia e o Norte de Portugal, formalizada en 2007.  A sesión do xoves concluirá cunha mesa moderada por Enrique Varela, director do servizo de estudos e publicacións do Eixo Atlántico. Nesta mesa, distintos axentes sociais de Tui e de Valença presentarán experiencias de cooperación transfronteiriza que xa funcionaban antes da creación da Eurocidade, como o traballo dos Bombeiros Voluntários de Valença, que prestan servizo a toda a comarca; iniciativas no ámbito deportivo ou cultural, ou no campo do comercio.

As sesións do venres o sábado terán lugar na Área Panorámica de Tui, e reunirán a expertos da Península Ibérica e de América Latina para a posta en común de distintos proxectos de investigación sobre as potencialidades das rexións fronteirizas no desenvolvemento das comunidades. Deste xeito, na xornada do venres 25 á mañá intervirán Xerardo Pereiro, do polo de Chaves da  Universidade de Trâs os Montes e Alto Douro, especializado en dinámicas de desenvolvemento territorial, cunha atención especial na fronteira galego-portuguesa. Compartirá mesa co economista Xulio Pardellas, da Universidade de Vigo, autor do libro Estratexias turísticas das cidades do Eixo Atlántico, e con Roberto Mansilla, investigador do IGADI. 

Outra das sesións do venres amosará distintas experiencias de investigación e acción en comunidades fronteirizas de América Latina, como o proxecto de Las Segovias (Nicaragua), ou a Facultad Latinamericana de Ciencias Sociales de Quito (Ecuador), así como a experiencia das rexións fronteirizas de Bolivia.

As xornadas están organizadas pola Rede Europa América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE), constituída por 15 grupos de investigación de universidades galegas, portuguesas, de Europa e América Latina, co obxectivo de tecer lazos de colaboración internacional entre estudosos das áreas da Comunicación e Desenvolvemento, e ao mesmo tempo achegar a actividade investigadora á sociedade para contribuír á súa mellora.

O alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, expresa o seu agradecemento aos integrantes desta Rede universitaria pola elección da Eurocidade Tui – Valença para a celebración destas xornadas que enriquecerán a experiencia que os municipios miñotos están comezando a desenvolver e congratúlase do interese que este proxecto da Eurocidade suscita evidenciando o acerto desta iniciativa conxunta dos municipios de Tui e Valença.