Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Descenso do Miño cumpre 50 anos o próximo 23 de agosto celebrando a súa 43 edición

14/08/2014

Na mesma data celebrarase o IV Descenso Popular

Mércores, 13 de agosto de 2014. O próximo 23 de agosto cumpriranse 50 anos da celebración da primeira edición do Descenso Internacional do Miño. Esta proba deportiva celebrará precisamente o 23 de agosto a súa 43 edición reunindo a 600 padeeiros de toda Galicia, Portugal  e posiblemente tamén doutras autonomías españolas.  A saída será ás 18.30h dende terra en Salvaterra de Miño e a liña de meta estará en Tui diante das instalacións do Club Kaiak Tudense, organizador desta destacada proba xunto ao Concello de Tui.

600 padeeiros e 400 embarcacións volverán encher o río Miño. Os grandes favoritos son os padeeiros do Club Kaiak Tudense que teñen participado ao máis alto nivel internacional en Campionatos de Europa e do Mundo nas últimas semanas, tanto en pista coma en maratón.

O Parador de Tui acolleu hoxe a presentación desta regata por parte do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, o vicepresidente do Kaiak Tudense, Diego Piña, e o presidente do Comité Organizador deste evento, Manuel Pedrares.  Neste acto tamén se deron a coñecer todos os detalles dunha xornada festiva que comezará ás 12h na Ribeira de Caldelas cunha romaría popular con pinchos, polbeiro e bebidas a prezos populares. Dende alí sairá ás 16h o IV Descenso Popular, no que tendo en conta o bo ritmo das inscrición a unha semana de pecharse o prazo, agardan superar os máis de 600 participantes da edición de 2013. Os interesados poden anotarse na web www.kayaktudense.org ata o próximo mércores 20 de agosto. Recibirán un vale para unha consumición ao remate do descenso no Parador de Turismo de Tui, onde a festa continuará a partir das 20.30h coa entrega de premios do Descenso Internacional, e onde o propio Parador instalará casetas con pinchos. Contarán amais coa actuación do grupo The Red Duck Blues Band.

No acto de presentación deste evento o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou a importancia de realizar actividades que poñan en valor o río, agradecendo ao Kaiak Tudense o seu traballo e esforzo ao tempo que felicitou aos seus padeeiros polos resultados internacionais e por levar o nome de Tui polo mundo.

O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, lembrou que o primeiro Descenso do Miño foi organizado polo Club Náutico San Telmo en 1964, agradecendo á familia González-Troncoso o seu labor. Salientaba tamén o edil que o Descenso do Miño é o principal evento do calendario deportivo da cidade, agardando que sexa un éxito.

O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, felicitou ao Kaiak Tudense pode ser un referente do piragüismo nacional e internacional. Ao tempo salientaba a importancia de que o río Miño siga a ser un referente. 

Diego Piña, vicepresidente do Kaiak Tudense, agradeceu a colaboración do Concello de Tui, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia a través de Galicia Saudable, así coma das entidades privadas, da Cruz Vermelha Portuguesa, os Bombeiros Voluntarios de Valença e Protección Civil de Tui. Lembrou tamén que o vencedor do descenso levarase o trofeo realizado no seu día polo escultor Juan Oliveira.  Manuel Pedrares, presidente do Comité Organizador, salientou  gran nivel deportivo que haberá no Descenso Internacional cos padeeiros do club local, ao tempo que salientou que no Descenso Popular poderase bater récord de participación xa que a unha semana de pechar a inscrición teñen xa 300 persoas anotadas.

Toda a información sobre estas probas deportivas está en www.kayaktudense.es