Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Cross Escolar do Baixo Miño congregará a máis de 250 atletas na ribeira de Caldelas

11/11/2022

Escolares de Tui e de Tomiño participarán nesta proba que dará acceso á fase provincial

A ribeira de Caldelas, en Tui, acolle mañá sábado, 12 de novembro, a partir das 10.30 h o Cross Escolar do Baixo Miño. Esta proba deportiva está organizada por AGRUDEBAM (Agrupación Deportiva do Baixo Miño) e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Tui e a Comunidade de Montes de Caldelas. Participarán máis de 250 deportistas dos CEIPS Nº1, Nº2, Pazos e Guillarei de Tui, Pedro Caselles, Tebra e IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, así como do Club Atletismo Tegra.

A proba estará destinada as categorías benxamín (2014-2015), alevín (2012-2013), infantil (2010-2011) e cadete (2008-2009), organizándose as carreiras por categoría e por sexo, percorrendo as distancias de 500 metros na categoría benxamín, 1.000 metros na categoría alevín, 1.500 metros na categoría infantil e 2.000 metros na categoría cadete.

Esta proba dará acceso á fase provincial, clasificándose os dez primeiros atletas individuais, así como os dous mellores equipos de cada categoría e sexo (os equipos estarán compostos por un mínimo de 3 atletas en categoría cadete e 4 no resto de categorías).

Coa celebración esta fin de semana deste cross escolar e os que se celebraron os pasados días 3 e 4 de novembro en horario escolar, onde participaron máis de 1.500 deportistas, remarcan a ribeira de Caldelas de Tui, como un paraxe espectacular para a celebración de eventos deportivos.