O Contencioso Administrativo falla a favor do Concello de Tui na concesión do título para legalizar a ampliación do cemiterio de Rebordáns
O Xulgado do Contencioso Administrativo nº2 de Pontevedra fallou a favor do Concello de Tui e da Comunidade de Montes Veciñal en Man Común de Rebordáns no recurso presentado pola Asociación de Veciños de Rebordáns e Manuel Goberna Caride, pola concesión do título habilitante para a legación da ampliación do cemiterio da parroquia de Rebordáns por parte do Concello de Tui en Xunta Local de Goberno do 9 de xuño de 2015.
A xuíza no fallo da sentenza inadmite o recurso presentado pola Asociación de Veciños por este acordo da Xunta Local de Goberno, e desestima o interposto por Manuel Goberna Caride, que naquel momento exercía coma presidente do colectivo veciñal. Ao tempo impón as costas do xuízo causadas tanto ao Concello coma á Comunidade de Montes, ata un máximo de 600 euros, a cargo da Asociación de Veciños e do particular. Contra esta sentencia cabe recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Os feitos remóntanse á xullo de 2011 cando José Manuel Sousa Sousa presentou escrito para legalizar a ampliación do cemiterio de Rebordáns, alegando a Asociación de Veciños que non era presidente da mesma nin tiña documento acreditativo para exercer esta representación. A xuiza estima que aínda que dende o Concello non se requiriu documentación acreditativa da representación este defecto non é invalidante do proceso seguido no Concello. Posteriormente a Comunidade de Montes asume a promoción deste expediente, sendo a propietaria dos terreos onde se levou a cabo a ampliación do camposanto
Na sentenza sinálase que a legalización da ampliación do cemiterio conta con todos os informes técnicos preceptivos tanto da administración local, coma da autonómica. A xuíza estima que na demanda “non existe unha defensa do interese urbanístico, senón que existe unha disputa dentro da Asociación de Veciños” e apunta que a tramitación do expediente administrativo foi “impecable”.