Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O contacontos “Olivia e o clarinete máxico” con Francisco Álvarez “Koki” chega mañá á Biblioteca Municipal

9/05/2022

Forma parte da programación “Tui en letras”

Comeza a rodar a programación de actividades arredor da celebración do Día das Letras Galegas que promove o Concello de Tui baixo a denominación de “Tui en letras” e que abrangue os meses de maio e xuño con ata catorce actividades.

Mañá martes, 10 de maio,ás 17.30 h  abre a xeira de actividades na Biblioteca Municipal o contacontos “Olivia e o clarinete máxico” a cargo de Francisco Álvarez “Koki”. Esta actividade vai dirixida nenos e nenas de ata dez anos de idade. A entrada é de balde ata completar o aforo.

O guardés Francisco Álvarez, Koki, é escritor e animador cultural residente en Nova York dende 1984, onde fundou o colectivo Celso Emilio Ferreiro para espallar a cultura galega. Escritor tanto en galego como en castelán, ten unha longa traxectoria como autor con libros de poesía, narrativa, infanto-xuvenil ou obras colectivas e numerosos premios ás súas costas

A de mañá martes será unha tarde acompañando a Olivia na súa procura de tesouros doutros tempos no faiado da casa dos seus avós, un recuncho case máxico no que atopa o clarinete do seu bisavó Pepe. Un instrumento moi especial que tocaba cando ela estaba aínda no ventre da súa nai e que cambiará a vida da pequena para sempre. Unha fantástica historia sobre o valor das tradicións familiares e o amor pola música que namorará a nenos e nenas.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, esta actividade ten por unha parte o interese de ser unha proposta de animación á lectura na nosa lingua  para todos os rapaces e rapazas tudenses, xunto ao feito de que estea a cargo do escritor do Baixo Miño, Francisco Álvarez “Koki”, evidenciando a aposta do Concello de Tui polos valores da nosa contorna.

O programa de dinamización cultural e lingüístico “Tui en letras” conta coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra.