O Consorcio do Louro aprobou investimento por importe superior ao 1,8 millóns de euros nos 4 concellos
O Consorcio de Augas do Louro reuniuse o pasado martes, 31 de maio, aprobando un investimento en infraestruturas de saneamento e abastecemento por un importe superior ao 1,8 millóns de euros nos catro concellos: Tui, Salceda de Caselas, Mos e O Porriño.
En Tui contémplase a renovación integral de diversas instalacións no sistema de abastecemento. O investimento máis importante corresponde ao proxecto de saneamento na parroquia de Entenza, en Salceda de Caselas, que supera o millón de euros e dará servizo a máis de seiscentos habitantes. No Porriño está prevista a retirada e substitución de canalizacións de fibrocemento na rede de abastecemento de O Porriño. En Mos levarase a cabo unha campaña de renovación de canalizacións de saneamento.
Por outra banda, o Consorcio aprobou un crédito extraordinario de 578.000 euros que permitirá executar unha rede de saneamento en Gándara, na parroquia de Tameiga (Mos), mellorar o servizo de abastecemento en Caldelas (Tui) e realizar grandes reparacións nas instalacións de saneamento ou abastecemento en O Porriño.
Deste xeito, o importe total de inversións con fondos propios do Consorcio ascende a mais dun millón oitocentos mil euros, todos eles derivados das taxas que se veñen aplicando dende xaneiro de 2014.
O Comité Directivo acordou tamén a posta en funcionamento tanto das canalizacións de saneamento en San Estevo de Budiño, Salceda de Caselas, executadas por Augas de Galicia, como das que percorren o núcleo de O Cerquido en O Porriño. Deste xeito, os usuarios xa poden solicitar a autorización de servizo nas oficinas do Consorcio que se atopan en calquera dos catro concellos.
A esta importante actuación, súmanse as finalizadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Augas de Galicia en 2015 para o saneamento en O Porriño e o bombeo en Areas (Tui).
Concurso de debuxo escolar "O Ciclo urbano da auga"
Finalmente, o Comité Directivo decidiu os catro primeiros premios (un por cada concello) do concurso escolar sobre “O ciclo urbano da auga; unha aventura para valentes”. Haberá outros oito premios para os finalistas (dous por cada concello) que se decidirán en función das votacións que reciba cada un dos debuxos seleccionados. Para iso o Consorcio ten habilitado unha aplicación que se pode utilizar a través da páxina web do Consorcio http://www.consorciodolouro.es/gl .
O último día de votación será o domingo 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente.
Votacións .