O Consorcio de Augas do Louro realiza un inventario de fosas sépticas
O obxectivo é analizar a posibilidade de conexión das vivendas aos colectores de saneamento existentes e previstos, propoñer liñas de subvencións ou propoñer solucións de saneamento autónomo
O Consorcio de Augas do Louro está a desenvolver un estudo para localizar aquelas vivendas dispersas que non contan con servizo de saneamento a día de hoxe e veñen utilizando fosas sépticas ou pozos negros, e forma parte do Proxecto para a mellora da eficiencia e dixitalización do ciclo urbano da auga financiado con fondos do PRTRNext Generation Eu a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
En concreto, a actuación número A004 deste Proxecto, subvencionada con 18.150, € é un traballo complementario ao que xa veñen desenvolvendo tanto o Consorcio como os Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui para ampliar a cobertura das redes de sumidoiros ao 100% da poboación, o que supón un importante esforzo inversor e un compromiso firme coa mellora da calidade de vida da poboación do medio rural.
A actuación parte dun inventario inicial que ten en conta tanto o rexistro de fosas sépticas que contan con autorización de vertedura como do listado de fosas sépticas que realizan baleirado a través do servizo que presta o Consorcio. Este traballo compleméntase coa análise da cartografía das redes de sumidoiros e do catastro de vivendas e contempla outro traballo de campo con enquisas representativas por parroquias que permitan realizar unha estimación suficientemente precisa do número total de fosas sépticas en servizo neste momento.





