Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello recibiu aos medallistas tudenses no Campionato de España de Esquí Náutico

16/08/2012

O Concello de Tui brindou esta mañá unha recepción oficial a tres esquiadores da Escola de Esquí do Club Náutico San Telmo que obtiveron a medalla de ouro e prata no Campionato de España de Esquí celebrado en Seseña. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, xunto ao concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, presidiron o acto no que tamén estiveron presentes os concelleiros Olga Montes, Vanesa Rodríguez e José Angel Villaverde. Ao acto acudiu tamén o presidente do Club Náutico, Álvaro Hermida, a monitora de esquí Teté Sánchez-Agustino, e membros da escola e pais dos esquiadores.

 

Os homenaxeados esta mañá foron José Leiras, campión de España en sub12,  Andrea Monzón, campioa de España en sub14 e Alejandro Pamies, medalla de prata en sub21, aínda que este último non puido asistir á recepción. Os tres foron agasallados dun reloxo por parte do Concello. José Leiras, medalla de ouro en sub12, foi seleccionado para participar a comezos de setembro do Campionato de Europa que se vai celebrar en Roma.

 

O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, na súa intervención fixo un recoñecemento aos esquiadores e a labor que desenvolven tamén Téte Sánchez-Agustino como José Ramón Garrido como adestradores, xa que salientaba que despois de catro anos de traballo comezan a chegar os éxitos. Felicitaba tamén ao presidente do Náutico San Telmo pola iniciativa de formar a escola de esquí e por toda a súa traxectoria vinculada ao río. O edil de Deportes brindou todo o apoio do Concello a este club, sinalando que “somos unha potencia en deportes de río” engadindo que “os deportistas de Tui son os nosos mellores embaixadores”.

 

Álvaro Hermida, presidente do Club Náutico San Telmo, amosou o seu sincero agradecemento polo recibimento desta mañá, lembrando que cando se refundou o club hai 15 anos fixeron unha aposta polo esquí, xa que os outros deportes de río estaban totalmente cubertos. Concluía indicando que “cun pouco de axuda os nosos deportistas tamén estarán na elite do deporte.

 

Por último o alcalde, Moisés Rodríguez, salientaba que a recepción brindada é sobre todo “un xesto de cariño, de apoio e de ánimo”.  Engadía o rexedor que “temos os ingredientes necesarios para converter Tui na cidade que todos queremos” pero falta “traballar todos na mesma dirección potenciando os recursos que temos”. Felicitaba o alcalde tanto aos esquiadores, ao club,  como as familias xa que sen o seu soporte os nenos non poderían practicar este deporte.